Economía e Industria forma ao persoal administrativo con cursos de protección ao consumidor no ámbito financeiro e da inversión
redacción GECG - 16/2/2010
A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo (IGC) organiza os cursos de proteción ao consumidor no ámbito financeiro e da inversión, dirixido a persoal das administracións públicas, central, autonómica e local con competencia en materia de consumo, que darán comezo mañá na Escola Galega de Consumo.
A Consellería de Economía e Industria traballa no desenvolvemento de iniciativas que melloren a educación financeira dos galegos coa que se facilitará a comprensión de conceptos e produtos financeiros, a prevención do fraude, a toma de decisións axeitadas ás circunstancias e necesidades dos consumidores para evitar situacións indesexables derivadas, ben dun endebedamento excesivo ou de posicións de risco inaxeitadas.
O Goberno de Galicia vén amosando unha sensibilidade moi especial no eido da proteción dos dereitos do consumidor e, por iso, recolle dentro do plan de acción do IGC a realización de campañas de sensibilización e formación nesta materia. Neste sentido prevese para o vindeiro ano afondar na educación financeira dos galegos cunha programación específica incluída dentro do plan anual da Escola Galega de Consumo, así como a realización de convenios con asociacións de consumidores para asesorar e mediar nos posibles conflitos que poidan xurdir ao adquirir este tipo de produtos.
Con este fin, comeza mañá o curso “A protección do consumidor no ámbito financeiro e da inversión”, unha iniciativa que servirá para implantar unha cultura financeira nos usuarios e formar a profesionais relacionados coa defensa dos dereitos e intereses dos consumidores no noso país.
Os obxectivos deste curso están formulados desde o Plan específico sobre produtos e servizos financeiros que inclúe unha programación específica sobre educación financeira dentro do plan anual da Escola Galega de Consumo; convenios con asociacións de consumidores para asesoramento e mediación nos posibles conflitos deste tipo de produtos e servizos; inclusión no plan anual de inspección de consumo, dunha campaña autonómica sobre ofertas deste tipo de produtos e servizos, con especial atención a aspectos de seguridade e publicidade; a constitución dunha oficina de atención ao usuario galego de servizos financeiros; a constitución do rexistro autonómico deste tipo de empresas; a elaboración dunha análise da normativa do sector e os instrumentos que nela se conteñen para unha axeitada proteción dos consumidores; iniciativas de estudo e formación das novidades lexislativas que se teñen producido recentemente neste ámbito e sobre a situación das persoas consumidoras ante a conxuntura actual do mercado financeiro.
O IGC, adscrito a Consellería de Economía e Industria, organiza estes cursos dentro do programa de Formación Continua para profesionais de consumo que promoven as distintas comunidades autónomas conxuntamente co Instituto Nacional de Consumo, co obxectivo de afondar nos temas relacionados cos servizos financeiros e da inversión. A mellora da cultura financeira dos usuarios destes produtos é un obxectivo complexo e, no que compre que se impliquen todas as administracións e entidades que traballan neste eido. O curso, cunha duración de 20 horas lectivas celébrase na sé do Instituto Galego de Consumo.