Seis novos centros dirixidos ás persoas que padecen Alzheimer abrirán as súas portas este ano
redacción GECG - 12/2/2010
|
 |
Mato eloxiou o traballo que desenvolven estas asociacións e resaltou a súa relevancia como coñecedoras, de primeira man, da realidade deste colectivo. ANA VARELA |
A Xunta de Galicia duplicará antes de rematar este ano o número actual de prazas dos centros específicos para enfermos de alzheimer, de modo que se acadarán un total de 454 ao final deste exercicio, grazas á apertura de seis novos centros.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, adiantaron estes datos no transcurso dunha reunión de traballo que mantiveron esta mañá coa Federación de Asociacións de Alzheimer (FAGAL). Durante a xuntanza, manifestaron o seu compromiso con este colectivo e detallaron as liñas de actuación que se levarán a cabo de cara á súa atención.
Este compromiso vese reflectido no aumento das prazas para alzheimer. Ao comezo da lexislatura, había operativas un total de 227. A estas prazas sumáranselle as dos seis novos centros que se abrirán ao longo deste exercicio (Ribeira, Ferrol, Monforte, Vimianzo, Ourense e Pontevedra), ata acadar ás 454 a finais de ano.
Ademais, ao finalizar a reunión, Mato explicou en declaracións aos medios de comunicación que a Administración autonómica ten as políticas sociais como un dos seus “eixos estratéxicos” e recordou que nos orzamentos de 2010 o gasto social representa 7 de cada 10 euros.
Nesta mesma liña, insistiu en que a Xunta de Galicia ten a determinación de que os enfermos de alzheimer “sexan obxecto dun tratamento especial”, co fin de “facerlles a vida máis fácil”, a través dun conxunto amplo de actuacións transversais. A este respecto, sinalou que para deseñar estas medidas contarase coa voz destas asociacións a través dun “diálogo fluído”, en tanto son as coñecedoras de primeira man das necesidades deste colectivo.
Tamén sobre estas asociacións, Mato incidiu tamén na relevancia do seu traballo diario e eloxiou o seu labor coas familias e enfermos e de cara á sensibilización da sociedade.
Por outra banda, a conselleira lembrou que a atención destes enfermos implica a miúdo situacións de dependencia, polo que fixo fincapé no compromiso da Xunta con esta Lei. Un esforzo que se ten demostrado, dixo, no incremento de 100 millóns de euros adicionais ás partidas previstas anteriormente para a Dependencia, e do aumento de 74 millóns nos orzamentos de 2010 con respecto aos do exercicio anterior. Neste sentido, apuntou tamén á posta en marcha do novo decreto, que reducirá os tempos de tramitación e recoñecerá os dereitos dos dependentes falecidos.