Nace o parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, en 14 enclaves e que afectará un total de 8 concellos

redacción GECG - 11/2/2010
Nace o parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, en 14 enclaves e que afectará un total de 8 concellos
Atópase no interior dunha grande explotación forestal de eucaliptos, na que a contínua apertura de pistas fai que ás veces se perdan as referencias para a súa localización. Conserva catro dos cinco esteos da súa cámara poligonal, e dous no corredor, que mide máis dun metro. Impresionan as dúas tampas, tanto a da cámara como a do corredor, polas súas dimensións, encontrándose a do corredor nun plano inferior á da cámara. A mámoa, de grande altura, é visible dende lonxe (sempre e cando os eucaliptos que a colonizan non teñan moita altura). O poeta Eduardo Pondal sitúa aí a tumba do mítico guerreiro celta Brandomil: "Arca antiga da Piosa.... debaixo das túas antes está o valente Brandomil"

O Consello da Xunta declarou hoxe de incidencia supramunicipal o proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, plan promovido desde a Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dentro do programa da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA). Deste xeito, posibilítase o desenvolvemento deste plan que inclúe actuacións en 14 enclaves megalíticos e que afectará un total de 8 concellos. Para levar adiante este proxecto, a previsión da Consellería de Cultura e Turismo é investir un total de 3.976.000 euros, repartidos en cinco anualidades.

A Consellería de Cultura e Turismo considerou necesaria a declaración como incidencia supramunicipal desta área para facilitar a posta en marcha e desenvolvemento do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, que deberá garantir a conservación e posta en valor desa manifestación cultural nas comarcas afectadas, posibilitando así a súa visita pública. Os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal teñen por obxecto regular a implantación de determinadas actuacións de indubidable incidencia territorial en materia de infraestruturas, dotacións e instalacións, tanto de iniciativa pública coma privada, que se asentan sobre varios termos municipais ou daquelas en que a súa incidencia transcenda o estrito ámbito local pola súa magnitude, importancia ou especiais características.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural levará a cabo actuacións de índole arqueolóxica e arquitectónica sobre cámaras megalíticas de varios termos comarcais para promover a difusión dos seus valores culturais. É evidente o seu carácter supramunicipal porque a protección e conservación destas manifestacións culturais contribuirá ao desenvolvemento local, á ordenación do territorio e a fomentar o desenvolvemento sustentable das zonas en que se ten previsto intervir.

15 enclaves en 8 concellos

O Proxecto Sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo engloba 15 enclaves megalíticos pertencentes a oito concellos da Costa da Morte, identificados na actualidade entre os de maior monumentalidade desta área xeográfica. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural actuará nun total de 14 destes enclaves megalíticos:

- Pedra Moura de Aldemunde, no concello de Carballo.
- A Fornella dos Mouros, no concello de Laxe.
- Pedra de Arca, no concello de Malpica de Bergantiños
- Mina da Parxubeira, no concello de Mazaricos.
- Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra da Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós (mámoas), no concello de Vimianzo.
- Casa dos Mouros ou Pedra da Arca, pertencente aos concellos de Dumbría e Vimianzo.
- Pedra Vixía, Arca da Piosa, no concello de Zas.

Dentro do Parque Arqueolóxico inclúese, así mesmo, o Dolmen de Dombate, no concello de Cabana de Bergantiños, que conta co seu propio plan director e que xa está sendo executado pola Deputación Provincial da Coruña
Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico

A Consellería de Cultura e Turismo promove como actuación prioritaria da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o programa da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA), plan que engloba diversas accións que se están a levar a cabo no ámbito da difusión, conservación e investigación do patrimonio arqueolóxico da nosa comunidade autónoma. A Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico contará con catro parques arqueolóxicos: o da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), o da Cultura Castrexa de San Cibráo de Las en San Amaro/Puxín (Ourense), o do Mundo Romano da cidade de Lugo e o do Megalitismo da Costa da Morte (A Coruña).

Os parques arqueolóxicos da arte rupestre e da cultura castrexa, actualmente en execución, teñen prevista a súa inauguración para este ano 2010. O Parque do Mundo Romano atópase na fase de concurso de ideas para seleccionar o proxecto para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando como centro de interpretación. A aprobación por parte do Consello da Xunta da incidencia supramunicipal do proxecto sectorial, constitúe o primeiro paso para que o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte poida ser unha realidade.