Turismo promove plans de desestacionalización co sector e os entes provinciais e locais

redacción GECG - 10/2/2010

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, desenvolverá este ano un programa de colaboración coas asociacións profesionais do sector turístico galego e as entidades de promoción pública provinciais e locais para desenvolver accións de dinamización do Turismo galego que fomenten a desestacionalización, co obxectivo de captar un maior número de turistas nas épocas de menor demanda.

Esta iniciativa parte do interese da Administración turística galega por afrontar de xeito decidido o fenómeno da estacionalidade da demanda turística en Galicia, segundo se recolle no Plan de Acción do Turismo de Galicia, elaborado pola Secretaría Xeral para o Turismo como marco fundamental de actuación para a presente lexislatura. O Plan de Acción contou coa participación de todos os axentes do sector e nel recóllese como unha das principais asignaturas pendentes e de maneira xeralizada no territorio, a necesidade de actuar en pro da desestacionalización da demanda.

Segundo esta iniciativa, Turgalicia apoiará accións conxuntas elaboradas polos entes provinciais e locais de promoción turística xunto ás asociacións profesionais tendentes a lograr unha maior ocupación dos establecementos turísticos galegos na época de menor demanda. O obxectivo é encher os aloxamentos e a restauración na tempada baixa e en definitiva dinamizar a economía, atraendo aos turistas cunha oferta suxestiva e diferenciada.

Proposta xeralizada

Con esta acción, Turgalicia estende a toda a Comunidade autónoma e a todos os entes de promoción e asociacións profesionais galegos a posibilidade de organizar paquetes turísticos tendentes a desestacionalizar a demanda do Turismo, iniciativa que se viña facendo só de xeito puntual con algúns concellos e colectivos empresariais. Deste xeito, perséguese acadar unha maior eficacia e eficiencia no desenvolvemento das accións, creando sinerxias e simplificando a tramitación, tendo como interlocutores aos Padroados de Turismo onde estean implantados e ás propias asociacións do sector de cada provincia onde non existan os ditos Padroados.

Para levar a cabo estes acordos de colaboración, preténdese preferentemente que as accións propostas diferencien os territorios e aproveiten as súas singularidades turísticas, por un lado, e que revertan directamente na ocupación dos aloxamentos que sofren de maior estacionalidade.

Deste xeito, veranse favorecidas neste plan de promoción as accións destinadas a crear paquetes turísticos completos que promovan a desestacionalización.