Na presentación do libro ‘O turismo cultural en Galicia’,
O conselleiro de Cultura e Turismo destacou a necesidade de traballar 'na fidelización do destino Galicia, na oferta complementaria ao turista cultural estranxeiro e no mellor aproveitamento do Ano Santo'
redacción GECG - 8/2/2010
|
 |
Segundo o estudo, os impactos directos e indirectos do turismo cultural suman 1.424 millóns de euros, o que supón un 2,5% do PIB rexional. Para Varela este dato “fala ás claras da importancia deste sector económico para o conxunto da economía galega”. En la imagen Varela con Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. CONCHI PAZ. |
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, afirmou hoxe na presentación do libro O turismo cultural en Galicia que “a cultura é en Galicia un activo importantísimo dentro do produto turístico, e do mesmo xeito, o turismo, a través dos ingresos que xera, axuda ao reforzamento e posta en valor do noso legado patrimonial e fomenta a creatividade e produción culturais”. Para o conselleiro, os conceptos cultura e turismo están cada vez “máis fortemente relacionados e han de interactuar de xeito beneficioso para ambos”. O acto de presentación contou asemade coa presenza do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o coordinador técnico do estudo, Håkan Casares Berg, e múltiples personalidades do mundo da cultura.
As estatísticas e conclusións que ofrece O turismo cultural en Galicia permitirán, segundo Roberto Varela, “traballar cunha visión prospectiva máis precisa en aspectos como a fidelización do destino Galicia, a oferta complementaria ao turista cultural estranxeiro ou en cómo aproveitar e rendibilizar do mellor xeito posible a influencia do Ano Santo”. Nesta liña, o conselleiro asegurou que “transcendendo ás potentes ferramentas analíticas que nos brinda a estatística, temos que reflexionar sobre cuestións meramente cualitativas vinculadas coa calidade da vivencia turística”. Asemade, “debemos procurar que Galicia sexa máis que un espazo extraterritorial para o turista, un evanescente recordo estético ou de gozo gastronómico, e acade ser para este un territorio íntimo, un espazo cultural e humano de vivencias compartidas”, engadiu o conselleiro.
O conselleiro de Cultura e Turismo considerou que “estamos a vivir un momento histórico no que o turismo acada unha notable presenza nas políticas nacionais e o recoñecemento da súa contribución ao desenvolvemento económico destas”. Non obstante, encanto ao turismo cultural e en relación co estudo O turismo cultural en Galicia presentado hoxe, o titular de Cultura e Turismo quixo subliñar “que a nosa comunidade ten unha oferta turística cun gran potencial de crecemento e que xa funciona como un importante impulsor da economía”. Asemade, Roberto Varela incidiu en que, segundo reflicte este estudio, os impactos directos e indirectos do turismo na economía galega supoñen máis dun 10% do PIB.
Nas páxinas do antedito estudo ofrécese un cálculo aproximado, a partir das fontes dispoñibles, do peso do turismo cultural no conxunto da economía galega. Os resultados indican que os impactos directos e indirectos do turismo cultural suman 1.424 millóns de euros (o que supón un 2,5% do PIB rexional), un dato que segundo Varela, “fala ás claras da importancia deste sector económico para o conxunto da economía galega”.
“Espazo plural”
Na súa intervención, Roberto Varela cualificou o Consello da Cultura Galega como un “espazo plural pensado para a reflexión e alta asesoría, para a promoción e defensa da nosa cultura e do noso idioma. Pero amais é unha institución que sintetiza o mellor do noso pobo: xenerosidade, traballo, cordialidade e rigor. Sen dúbida, o Consello resulta unha institución determinante e central para a cultura do noso país”.
Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo, aproveitou a ocasión para gabar o traballo do Observatorio da Cultura Galega que, “no seu curto período de existencia, xa ten dado mostras dabondo de bo facer e rigor científico”. O traballo do Observatorio céntrase na compilación das principais estatísticas culturais de interese para Galicia e na detección das necesidades informativas neste eido. Para o conselleiro, os seus estudos monográficos e os anuarios de estatísticas culturais “convertéronse nestes últimos anos en ferramentas útiles para todos os axentes culturais do noso país e, por suposto, para o goberno galego”.