A Consellería do Mar fomenta o desenvolvemento sostible das zonas de pesca a través dunha xornada
redacción GECG - 8/2/2010
A Dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar organizará este mércores, día 10 de febreiro en Santiago a xornada “. O desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do fondo europeo de pesca”, ao que asistirá persoal das direccións xerais da Consellería do Mar, os xefes territoriais da Consellería, a directora do Cetmar, Paloma Rueda, e os xerentes dos GACs. O obxectivo deste encontro é continuar afondando cos participantes nas posibilidades que ofrece o eixo 4 do Fondo Europeo de Pesca, referente ao desenvolvemento sostible das zonas de pesca.
A xuntanza, que inaugurará a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, contará con membros da unidade de apoio FARNET, un organismo establecido pola Comisión Europea para asesorar na implementación das medidas europeas para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca. Eles, entre outros, serán os encargados de amosar ao persoal da Consellería do Mar novas posibilidades dentro do marco do eixo 4 a través de exemplos de boas prácticas nesta materia desenvolvidas noutros programas europeos.
No encontro tamén se proporcionarán as ferramentas necesarias para fomentar que as organizacións do sector pesqueiro, calquera que sexa a súa fórmula asociativa, participen nas medidas do eixo 4. Ademais informarase nesta materia aos xerentes dos 7 GACs creados precisamente coa finalidade de xestionar a liña de axudas procedentes do Eixe-4 do FEP e destinados á sustentación social, económica e ambiental das distintas zonas costeiras. Outra das finalidades da xornada é promover a colaboración dos distintos axentes implicados no desenvolvemento das zonas de pesca.
Para impartir estes contidos tamén se contará con expertos da Consellería de Medio Rural, que porán como exemplo de promoción do desenvolvemento rural en Galicia no marco dos fondos estruturais a experiencia da Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (AGADER). Despois deste bloque e para poñer fin á xornada, persoal da Consellería de Cultura e Turismo falará do tema da valorización turística nas zonas de pesca.