Meteogalicia será o único xestor da información agrometeorolóxica e fitopatolóxica en Galicia
redacción GECG - 8/2/2010
|
 |
Os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do Medio Rural asinaron hoxe un convenio para unificar estes servizos. CONCHY PAZ. |
Os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e do Medio Rural, Samuel Juárez, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ambos departamentos da Xunta para unificar nun único xestor, Meteogalicia, toda a información agrometeorolóxica e fitopatolóxica de Galicia.
O obxectivo deste acordo é dobre. Por un lado, búscase proporcionar información personalizada da súa área xeográfica o máis delimitada posible a tódolos agricultores que o demanden, fomentando o uso das novas tecnoloxías e proporcionando informes vía correo electrónico que sirvan como ferramenta de traballo, formativa e de xestión das explotacións.
Por outra banda, quérese mellorar e integrar nunha web toda a información dispoñible por Meteogalicia, así como a das novas aplicacións solicitadas. Cómpre indicar que esta información estará dispoñible para todo o conxunto da sociedade no mes de marzo, a través do portal web de Meteogalicia.
En virtude deste convenio, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprométese a definir conxuntamente co departamento de Medio Rural os produtos meteorolóxicos e climatolóxicos máis axeitados para o sector agrícola, gandeiro e forestal; elaborar os informes periódicos de información meteorolóxica que precise a Consellería do Medio Rural; realizar, con periodicidade semanal, unha predición agrometeorolóxica con diferentes datos de interese, tales como as temperaturas, rexistros de chuvias, valores da radiación solar, precipitacións acumuladas e humidade, entre outros.
Alertas enfocadas ao agro
Tamén se engadirán alertas meteorolóxicas enfocadas aos distintos sectores, así como predicións da tendencia do tempo, destacando os aspectos máis importantes para a agricultura, de días sen chuvia continuados ou de xeadas, coa súa intensidade e localización xeográfica.
Por parte da Consellería de Medio Ambiente, subministrarase ademais, con periodicidade diaria, o prognóstico para parámetros coma a evapotranspiración real, a temperatura e humidade e reserva hídrica total do solo. Todo os datos da rede agrometeorolóxica estarán a disposición do cidadán do mesmo xeito que os de Meteogalicia, podendo incorporarse aquelas alertas ou produtos derivados dos datos que sexan necesarios.
Espazos naturais
En relación cos espazos naturais, esta Consellería xestionará nos parques nacionais a información que precise a Dirección Xeral de Conservación da Natureza en canto ao acceso, no ámbito territorial do Parque das Illas Atlánticas, aos datos xerados tanto polas súas estacións meteorolóxicas como polas boias oceanográficas cuxa titularidade comparte co Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar. Ademais, facilitará a instalación de hidrófonos para o rexistro de cetáceos en coordinación con este instituto, e instalará neste Parque varios rexistradores de ulstrasons e cámaras de fototrampeo para a detección e seguimento da súa fauna.
Rede de estacións
Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural cederá a Meteogalicia o uso da súa rede de estacións de aviso por un período de catro anos renovables, para a súa integración coa súa propia rede. Proporcionará tamén toda a información fitopatolóxica precisa para agregar aos datos meteorolóxicos que se van facilitar desde a páxina web.
Ademais, porá a disposición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o persoal e medios de transporte dispoñibles no Parque das Illas Atlánticas para colaborar no mantemento das estacións meteorolóxicas e boias oceanográficas e colaborará con este Departamento en todo o relativo á recollida e xestión de información relacionada co seguimento dos parámetros biolóxicos nos distintos ecosistemas deste Parque.
MeteoGalicia
MeteoGalicia celebra este ano o seu décimo aniversario, tendo entre as súas funcións principais a elaboración da predición meteorolóxica de Galicia, así como o mantemento da rede de observación meteorolóxica e oceanográfica.
Este departamento, dependente da Consellería de medio Ambiente, consta de catro grandes áreas; predición operativa, predición numérica, climatoloxía e observación e a área de Tics. Actualmente, o persoal de Meteogalicia consta de 35 persoas, fundamentalmente licenciados e doutores en físicas.
A rede de observación de MeteoGalicia ten, na actualidade, 78 estacións meteorolóxicas automáticas que recollen en tempo real datos de temperatura, vento, humidade, precipitación, radiación solar e temperatura do chan. Dispón, por outra banda, dun receptor satélite Meteosat de 2ª xeración, un sistema de detección de raios e o lanzamento de radiosondeos en situacións meteorolóxicas especiais.
Nos vindeiros meses está previsto finalizar a instalación dun radar meteorolóxico no cumio do monte Xesteiras no Concello de Cuntis. Asemade, MeteoGalicia participa en varios proxecto europeos que lle permiten mellorar os seus modelos de predición e a rede de observación oceanográfica que xestiona conxuntamente co Intecmar.
Cabe dicir que o acceso a web de MeteoGalicia tense incrementado ao longo dos últimos anos, chegando no 2009 aos preto de 173 millóns de visitas, cun promedio diario de 473.000 visitas.