A Xunta pon en marcha o primeiro simulador forestal de Galicia

redacción GECG - 7/2/2010

 Consellería de Traballo e Benestar ven de adquirir o primeiro simulador forestal de Galicia para o adestramento nas máquinas de procesado forestal. Así, o Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago puxo en marcha o novo equipo tecnolóxico de simulación que permite ensinar aos futuros operarios no manexo de autocargadores e procesadores forestais.

O sistema, de última xeración e o máis completo existente no mercado, reproduce con máxima exactitude as situacións no entorno real do traballo. Así, pode por en escena múltiples escenarios posibles ata simular o movemento da máquina segundo as característica do terreo ao contar cunha plataforma móbil.

O emprego destes equipos na formación é habitual en países como Finlandia, Canadá ou Suecia. En España a incorporación desta tecnoloxía é máis recente e no caso de Galicia é o primeiro sistema destas características instalado na comunidade autónoma.

Características do simulador

Un potente sistema informático encárgase de xestionar as operacións como se fose unha máquina real e un sistema de imaxe en alta definición fai que o operario perciba con realismo cada paso do proceso.

Así mesmo, o simulador permite o seguimento do alumno no seu adestramento, xa que é capaz de rexistrar todos os resultados dos exercicios simulados.

A aposta da Xunta polo uso deste sistema ven de por de manifesto que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, na súa rede de centros propios, está de xeito permanente facendo as adaptacións e inversións necesarias para ofertar calidade e innovación.

Nesta estratexia, o Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago pasou a formar parte da nova Rede de Centros de Referencia Nacional na especialidade de forestal, un xeito que significa a creación dunha plataforma potente que servirá para concretar en accións formativas todas as novidades técnicas que demandan as empresas e os novos certificados de profesionalidade na súa oferta formativa para a formación para o emprego.

Nos vindeiros meses o centro dará os seus primeiros pasos para ofertar esta formación especializada, tanto aos futuros operarios forestais como aos traballadores xa incorporados ao mercado laboral e interesados no manexo deste tipo de máquinas.