Economía e Industria apoia a fusión de Privilege e Cuarzos Granulados e os investimentos nas dúas factorías para mellorar a competitividade e a internacionalización
redacción GECG - 7/2/2010
A Consellería de Economía e Industria apoia, mediante un préstamo hipotecario por importe de 4,5 millóns de euros concedido polo consello de administración de Xesgalicia a través do Fondo Emprende, o proxecto que contempla a fusión de Privilege Advanced Surfaces e Cuarzos Granulados, ambas sociedades do Grupo Querella que pasarán a sumar 94 traballadores. Mediante este préstamo, Xesgalicia apoia o proceso de integración das dúas firmas e os investimentos que realizarán para mellorar a súa competitividade,para incrementar a súa facturación e a súa internacionalización.
Privilege creouse en 1995 e fabrica taboleiros aglomerados de cuarzo na súa factoría de Narón ( A Coruña). O produto desta factoría emprégase en encimeiras de cociña e baño, principalmente, pero tamén en grandes proxectos exclusivos como aeroportos, estacións de metro ou grandes superficies comerciais. O aglomerado é un produto elaborado a partir de cuarzo natural triturado que se combina con pequenas porcentaxes de resinas sintéticas, colorantes e outros materiais.
A subministración de cuarzo moído, a principal materia prima coa que traballa Privilege Advanced Surfaces, corre por conta da firma Cuarzos Granulados, asentada en Vilavella-A Mezquita (Ourense), especializada na extracción e trituración do cuarzo natural en varias granulometrías que logo incorpora Privilege ao seu proceso produtivo.
Coa fusión das dúas empresas, e cos investimentos previstos en cada un dos dous centros de traballo, que darán pulo á competitividade empresarial, acadarase a consolidación desta actividade produtiva en Galicia e incrementarase a internacionalización da produción do grupo.
Os investimentos proxectados contemplan a actualización das liñas de produción de Privilege e na planta de moído de Cuarzos Granulados. Con estes investimentos será posible incrementar a produción e acadaranse melloras de innovación no produto final da factoría para adaptala ás esixencias dos mercados internacionais aos que sirve esta empresa galega.