Unha vez que a finais de abril quede rematado o proceso de expropiación dos terreos

As obras do parque empresarial de Pacios-Baamonde, en Begonte, comezarán no próximo verán

redacción GECG - 5/2/2010

No próximo verán comezarán as obras de urbanización do parque empresarial de Pacios-Baamonde, no concello lucense de Begonte, unha vez que hoxe se publican no Diario Oficial de Galicia as datas para o pago e levantamento de actas de ocupación do terreos sobre o que se emprazará.
Segundo indica a resolución publicada hoxe no DOG, as actas de pagamento e ocupación asinaranse entre o 8 e o 23 de abril próximos, a partir das nove e media da mañá, na Casa da Cultura de Begonte (Lugo).

Unha vez rematada a expropiación dos terreos necesarios para a actuación, as obras iniciaranse no menor tempo posible, xa que as mesmas están adxudicadas á UTE Aldesa-Atlantica Construccións-Antalsis, por un importe de 14.817.269,04 de euros.

O de Pacios-Baamonde é un dos parques empresariais onde, de maneira irregular, na anterior lexislatura se adxudicaron as obras de urbanización sen dispoñer dos terreos necesarios para o emprazamento do parque empresarial. De feito as obras foron adxudicadas polo anterior Consello de Administración de Xestur Lugo en novembro de 2008, mentres que o expediente de expropiación non quedou aprobado definitivamente ata agosto de 2009.

O futuro parque empresarial de Pacios-Baamonde ocupará unha superficie total de 1.062.151 metros cadrados, dos que 681.871 metros cadrados serán de uso industrial, divididos nun total de 58 parcelas. O parque contará con 147.890 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes, 55.561 metros cadrados de infraestruturas e servizos, 43.433 metros cadrados de equipamento social e deportivo e 133.396 metros cadrados destinados a viarios e aparcamentos.

O investimento total previsto para o desenvolvemento do parque empresarial de Pacios-Baamonde supera os 27,5 millóns de euros, dos que 14.817.269,04 euros se destinarán á urbanización do mesmo.