"Xacobeo Classics” inaugura mañá o seu capítulo adicado á creación musical galega

redacción GECG - 5/2/2010
"Xacobeo Classics” inaugura mañá o seu capítulo adicado á creación musical galega
Na presentación do ciclo, no que se representaran un total de 41 obras, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou o obxectivo de “aquilatar e respectar o noso importante pasado musical e apoiar e impulsar aos nosos creadores”. XOÁN CRESPO.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, participou esta mañá na presentación da programación adicada especificamente á musica galega dentro do ciclo Xacobeo Classics. Segundo o conselleiro, coa posta en marcha dunha nova edición do Ciclo de Cámara da Asociación Galega de Compositores e Compositoras, no que se representarán un total de 41 obras, a programación musical do Xacobeo Classics trata de “respectar e aquilatar o noso importante pasado musical e apoiar e impulsar aos nosos creadores e músicos actuais”.

A presentación deste ciclo de concertos, que inclúe 26 estreas e levará a música de 16 autores galegos por toda Galicia, contou asemade coa presenza do director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; o director artístico do Xacobeo Classics, César Wonenburger e os representantes da Asociación Galega de Compositores e Compositoras, Margarita Viso e Juan Pérez Berná.

Para o conselleiro de Cultura e Turismo, trátase de “ofrecer unha parte selecta do noso patrimonio musical baseado nas creacións dos compositores históricos de Galicia así como as creacións máis recentes e anovadoras”. Na súa intervención, Roberto Varela gabou o excelente traballo da Asociación Galega de Compositores e Compositoras durante máis de vinte anos “decisivos para a consolidación e o enriquecemento en canto ás tendencias da nosa creación musical culta”. “Grazas en boa parte ao seu traballo, hoxe podemos dicir que a nosa creación musical culta goza de excelente saúde”, engadiu.

Este capítulo da programación do ciclo Xacobeo Classics, dedicado especificamente á música galega, levará a Pontevedra, Ourense, Lugo e A Coruña obras de compositores da Comunidade Autónoma como Paulino Pereiro, Margarita Viso, Julio Montero, Juan Durán, Fernando Alonso, Gloria Rodríguez Gil, X. A. Vázquez Casas e Eligio Vila, entre outros. A través destes catro concertos ofrecerase un panorama do carteto e o quinteto de corda galego contemporáneo, do quinteto de vento na creación actual e do teclado galego contemporáneo. Para ofrecer estes concertos cóntase con intérpretes e formación locais, como o pianista Javier Vázquez Grela, o Grupo Instrumental Século XX, o Ensemble sXXI, a soprano Alba López e a mezzo María José Ladra. Os concertos desenrolaranse nos auditorios dos conservatorios das cidades citadas anteriormente a partir das 20 horas e a entrada será de balde.

Compromiso coa creación galega

O compromiso do Xacobeo Classics coa creación galega terá continuidade ao longo de todo o 2010 a través da súa programación. Este mesmo mes arrincarán outros dous ciclos, “Os oitenta de Groba”, unha homenaxe ao decano dos compositores galegos a través de oito concertos que se celebrarán noutras tantas cidades e vilas galegas, e “A cantiga lírica galega”, que levará por toda Galicia a música vocal dos nosos principais compositores.

O Xacobeo Classics acollerá a estrea en tempos modernos de “O Mariscal”, a ópera de Eduardo Rodríguez-Losada e Ramón Cabanillas que se ofrecerá en versión de concerto, coa Sinfónica de Galicia e os cantantes galegos Teresa Novoa e Javier Franco, na Coruña e Vigo cara ao final de ano.

En decembro o Xacobeo Classics acollerá a estrea mundial do “Concerto para violín” de Octavio Vázquez, o compositor ourensán que reside en Nova York, a cargo da Real Filharmonía de Galicia. E ao longo do ano gravarase un disco de cancións galegas de autores como Chané, Gaos, Baldomir, Montes…, no que participarán a Orquestra Gaos e a coñecida soprano internacional Cristina Gallardo-Domâs.

No apartado musical do Xacobeo estarán representados a través de distintas colaboracións as principais instituciones musicais galegas, como a súas orquestras (Sinfónica de Galicia, Orquestra de Cámara Galega, Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Gaos), grupos instrumentais (Ensemble sXXI, Grupo Instrumental SXX, Agrupación Lírica Ofelia Nieto), cantantes (Teresa Novoa, Borja Quiza, María José Ladra, Javier Franco, Alba López…), sociedades filharmónicas (A Coruña, Lugo, Ourense…), festivais (Mozart, Lugo, Ciclo de Lied, Todo Lírica, Festival de Ópera de A Coruña) e creadores.