Cultura e Turismo impulsa en Bruxelas o Ciclo “As migracións galegas e o audiovisual: camiños cara a América e Europa”

redacción GECG - 30/1/2010

Bruxelas acollerá desde o 4 ata o 19 o ciclo cinematográfico As migracións galegas e o audiovisual: camiños cara a América e Europa. Esta actividade céntrase nunha manifestación cultural insólita que só existiu na emigración galega: un xénero cinematográfico destinado a mitigar a morriña dos emigrantes. A Consellería de Cultura e Turismo colabora no financiamento deste ciclo xunto a outras entidades galegas con presenza en Bruxelas como o Centro Galego e a Fundación Galicia Europa ademais do servizo de Cultura do Concello de Saint Gilles. A iniciativa englóbase dentro da campaña de promoción e recuperación da cultura galega no exterior, por ser as múltiples xeracións de emigrantes as que crearon e conservaron gran parte do noso legado cultural.

Deste xeito, a capital belga, como cidade receptora de emigrantes galegos durante a segunda metade do século XX, albergará un intenso programa cultural no que terán cabida todo tipo de manifestacións artísticas: unha conferencia de análise sobre este xénero específico da correspondencia documental, un debate de mulleres emigrantes, a inauguración dunha exposición e un concerto. O ciclo terá lugar na Maison des Cultures de Bruxelas, coincidindo este ano cun importante acontecemento para a cultura galega no eido comunitario e internacional como é o Xacobeo 2010.

Todos os actos culturais relacionados coa migración na capital belga serán de entrada libre e gratuíta. A primeira actividade é unha exposición titulada Nós mesmos. Asociacionismo Galego na Emigración, que é un percorrido visual a través da historia do movemento asociativo galego no exterior. Ofrece información sobre as razóns identitarias e asistenciais que motivaron a creación de asociacións galegas no marco das migracións masivas cara a América (1843-1950), Europa setentrional (décadas 1950-1970), e o interior da Península Ibérica. A inauguración terá lugar o xoves 4 de febreiro cunha visita guiada á exposición.

Cinema de emigración
No marco da inauguración da exposición, poderase asistir a unha conferencia impartida polo especialista en cine galego da emigración Manuel González, co título O cinema da emigración galega: Correspondencia documental entre Galicia e América Latina (1920-1960). O cinema de emigración é un xénero cinematográfico excepcional que, en todo o mundo, só se deu na cinematografía galega. Un cine destinado a mitigar a morriña dos distintos emigrantes e retornados. Eran películas epistolares, de correspondencia que cruzaban o Atlántico en ámbalas direccións. As comunidades galegas en América (Arxentina, Uruguai, Cuba,…) filmaban os actos sociais que organizaban os distintos centros para que puideran velos os seus veciños en Galicia. E estes contestaban tamén con filmes onde se reflectían festas, romarías, obras financiadas polos emigrantes

O venres 5 de febreiro a Maison des Cultures de Bruxelas acollerá tamén un importante evento relacionado coa emigración, un encontro entre mulleres emigrantes españolas. Inaugurada polo conselleiro de Traballo e Inmigración da Embaxada de España en Bélxica, Ferrán Cardenal, comezará coa proxección de Interviewing objects #2: Objects Migrants (2001-2008), documental que estudia o papel dos obxectos perdidos, conservados e substituídos nas experiencias de emigración. A continuación, terá lugar unha táboa redonda co título A muller nas migracións, onde tres emigrantes españolas compartirán as súas experiencias dende diferentes puntos de vista.

Mais adiante, nos días 6 e 7 de febreiro, a Maison des Cultures será escenario das proxeccións de en total 11 curtametraxes e dúas longametraxes galegas de todas as épocas (dende os anos 20 ata hoxe). Todas elas están relacionadas coa emigración, ofrecendo unha aproximación á importancia cultural e artística que trouxo este fenómeno tan relevante na historia de Galicia. Entre unha selección de películas de gran calidade e valor documental, inclúese Sempre Xonxa (1989) de Chano Piñeiro, primeira longametraxe do cinema galego (xunto coas películas Continental e Urxa), símbolo dunha identidade e gran éxito nas salas de cine.

En total proxectaranse catro películas mudas, dúas en versión orixinal en español e oito en galego, e todos os filmes contarán con subtítulos en francés. Doutra banda, o sábado 6 tamén haberá un concerto do grupo ISGA Collective, agrupación que versiona, con ritmos contemporáneos e inspirados en diferentes músicas do mundo, as Cantigas de Martín Códax.

Estas actividades foron posibles grazas á colaboración de institucións como o Consello da Cultura Galega, a Consellería de Cultura e Turismo, Cinemas Dixitais e o Centro Galego de Artes dá Imaxe (CGAI). O ciclo audiovisual contou igualmente co apoio da Dirección Xeral da Cidadanía Española no Exterior da Secretaría de Estado de Inmigración e Emigración do ministerio español de Traballo e Inmigración.