Galicia pechou o mes de decembro con 222.839 persoas desempregadas, 6.011 máis que no mes anterior
redacción GECG - 5/1/2010
Galicia pechou o pasado mes de decembro cun total de 222.839 persoas en situacións de desemprego, o que supón un incremento do paro rexistrado de 6.011 persoas con respecto ao mes anterior. En termos relativos, este aumento supón un 2,77 por cento, segundo explicou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, que explicou a evolución do paro nunha rolda de prensa.
A representante autonómica, da Consellería de Traballo e Benestar, apuntou que, a pesares de que se trata dun mes “tradicionalmente malo”, “non son datos bos”. Neste sentido, lembrou que este incremento de ao redor de 6.000 persoas é inferior –en preto de 3.000 parados- ao aumento rexistrado no mesmo período (novembro-decembro) de 2008, cando o ascenso dun mes a outro foi de 9.083 persoas.
Deste xeito, Díaz López apuntou que o último trimestre 2009 tivo “un comportamento menos malo” que o mesmo período do exercicio anterior, xa que en outubro, novembro e decembro de 2009 os incrementos do desemprego foron moito menores que os rexistrados en 2008.
No que se refire aos datos desagregados, a directora xeral fixo fincapé en que o desemprego descendeu en 173 persoas entre os menores de 25 anos con respecto ao mes de novembro. En concreto, esta baixada detectouse nas mulleres desa idade (440 paradas menos), aínda que no caso dos homes menores de 25 anos o paro aumentou en 267 persoas. Fronte a isto, o maior incremento produciuse entre os homes maiores de 25 anos, que supoñen un total de 5.359 parados máis.
Por sexos en xeral (incluíndo todas as franxas de idade), no caso dos homes o aumento foi de 5.626 persoas, e no caso das mulleres, de 385.
Ademais, o paro tamén baixou, con respecto ao mes anterior, no colectivo sen emprego anterior en 265 persoas (1,11 por cento), mentres que aumentou especialmente no sector da construción (2.940 persoas máis, un 8,84 por cento), e na industria (2.048 persoas, un 6,21 por cento).
No resto dos sectores tamén aumentou, en 791 persoas no sector servizos (0,65 por cento) e na agricultura e na pesca con 497 parados máis, o que supón un 8,5 por cento de diferenza.
Por provincias, a directora xeral de Formación e Colocación apuntou que o número de desempregados aumentou nos catro territorios, producíndose o maior incremento en Pontevedra con 2.701 parados máis.
Por concellos, houbo un descenso do paro rexistrado en 60 localidades destacando. Por comarcas, a baixada rexistrouse en 7, e o incremento en 46.
A segunda comunidade con menos aumento
Díaz López resaltou que Galicia é, en termos interanuais, a segunda comunidade (só por detrás de Estremadura) onde menos aumentou o número de parados, xa que se rexistraron 32.936 persoas máis en situación de desemprego, o que supón un 17,3 por cento fronte ao 25,4 por cento do Estado.
No que se refire aos datos estatais, no mes de novembro os parados aumentaron en 54.657 persoas, o que supón unha variación de 1,41 por cento, o que sitúa a cifra de parados en España en 3.923.023 persoas.
Por outra banda, a representante autonómica fixo referencia tamén a evolución dos contratos rexistrados, sobre o que destacou que o 8,52 por cento dos totais firmados en Galicia (4.028) foron de carácter indefinido, fronte ao 7,54 por cento que se rexistrou na media estatal, o que reflicte, segundo Díaz López, “un pouco máis de estabilidade”. En total, na comunidade galega rexistráronse en decembro un total de 47.256 contratos.
Logo de detallar todos os datos, a directora xeral explicou que “un dato malo sempre é preocupante” e comprometeu que a Xunta de Galicia “traballará con todas as súas forzas” para frear a destrución de emprego.