Preséntase en Pontevedra a campaña 'Traballamos para ti' co obxectivo de incentivar as compras nos mercados de abastos

redacción GECG - 21/12/2009

A Consellería de Economía e Industria, a través da dirección xeral de Comercio, pon en marcha a campaña “Traballamos para ti” presentada hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra co obxectivo de incentivar as compras nos mercados de abastos.

Trátase de tres spots de tv que comezarán a emitirse a próxima semana e no que participaron oito mercados de abastos da provincia pontevedresa: Caldas, O Grove, Moaña, Vilanova de Arousa, Cangas, Bueu, Portonovo e Sanxenxo.

No acto de presentación estiveron presentes a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, así como o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, o responsable do equipo Zinqin Audiovisual, Alberto Bahamonde así como o presidente da Asociación de Comerciantes de Vilanova, Javier Paz en representación do resto de mercados de abastos participantes neste proxecto.

O xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial destacou que o obxectivo desta campaña é “converter as prazas no epicentro das compras habituais, recuperando así a imaxe do vendedor profesional. Queremos que o consumidor se sinta atraído de novo polos mercados tradicionais”.

Neste xeito, dende a Consellería de Economía e Industria estase a traballar a través de tres liñas: con axudas para a renovación de mercados, cunha nova imaxe corporativa para os mercados de abastos e a través da transformación da percepción dos consumidores sobre este tipo de prazas “para o que se pon en marcha esta campaña que contará con tres spots de televisión”.

Pola súa banda, Alberto Bahamonde destacou que os mercados de abastos enfróntanse a unha “dura competencia” en relación as grandes superficies “que bombardean cos seus mensaxes aos potenciais clientes”. Esta é a razón pola que se pon en marcha unha campaña que quere trasladar aos cidadáns as bondades e calidades das prazas tradicionais. “Teñen produtos máis frescos, de maior calidade. E ademais contan con profesionais, con eses vendedores que se converten en coñecidos ao final e que son persoas con gran coñecemento do que están a vender”.

A campaña desenrolarase en medios de comunicación tradicionais e tamén en internet. “Queremos convencer aos máis xoves de que poden acudir as prazas de abastos, e para iso tamén estamos a potenciar esta campaña non só a través dunha páxina web: www.traballamosparati.com, senón tamén nas redes sociais coma facebook ou youtube.

Bahamonde destacou que, precisamente, a importancia dos profesionais se pode comprobar nestes tres spots. “En lugar de contratar a un actor apostamos por presentar a sociedade aos nosos vendedores, os que máis saben das prazas de abastos. Fixemos varios castings e o final, dos 112 participantes eliximos a tres gañadores”.

De feito, no primeiro anuncio que se poderá ver a partir da próxima semana participa Nieves Currás Pastoriza, unha das praceiras do mercado de Moaña.