Rueda anima ás entidades locais de Galicia e o Norte de Portugal a incrementar as accións de cooperación en fronteira para ofrecer os mellores servizos aos cidadáns

redacción GECG - 18/12/2009

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, animou onte ás entidades locais fronteirizas de Galicia e o Norte do Portugal a incrementar o deseño e a xestión de actuacións de cooperación en fronteira, co obxectivo de darlle un mellor servizo aos cidadáns e mellorar a súa calidade de vida.

Na inauguración hoxe en Tui da xornada de presentación dun proxecto transfronteirizo no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España- Portugal (Poctep), Alfonso Rueda destacou da modalidade de cooperación en fronteira que está moi apegada ao terreo e se desenvolve en eidos materiais concretos, como o cultural, o educativo, o deportivo, o de transporte ou o do uso conxunto de determinadas infraestructuras públicas.

A chamada cooperación en fronteira se realiza directamente entre a cidadanía portuguesa e a galega, apoiada polas administracións que están máis próximas aos individuos, xa que é levada a cabo institucionalmente polos concellos, as cámaras municipais, as parroquias ou as freguesías.

“Se trata dunha vía que debe ser, non soamente explorada, senón decididamente impulsada por parte dos poderes públicos”, salientou o conselleiro, que destacou precisamente que a Xunta aposta claramente por esta vía de comunicación, como queda patente con actos como o realizado hoxe.

Unha vía de cooperación que, segundo explicou, “require máis da vontade política e de solucións imaxinativas que de cuantiosos programas de un elevado custe económico”, pese ao cal ofrece froitos facilmente perceptibles polo cidadán, “que de seguido se decata da utilidade que ten para a súa vida práctica”.

“Trátase de facer cousas concretas que faciliten a vida diaria da cidadanía que viven nos territorios transfronteirizos”, engadiu o titular de Presidencia, que tamén advertiu de que tamén se trata de non perder nin un só euro dos que a Unión Europea pon á nosa disposición para a cooperación transfronteiriza

Poctep

Nese sentido, fixo especial fincapé no Poctep, o Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza destinado a promover o desenvolvemento das zonas fronteirizas entre España e Portugal, reforzando as relacións económicas e as redes de cooperación.

Nese marco foi seleccionado un proxecto entre Galicia e Portugal, cuxa actividade sobre Servizos institucionais comúns para o medio ambiente e para a ordenación do territorio foi presentada hoxe e que ten como misión fundamental o estudio da realidade dos equipamentos sociais, culturais e de ocio nas zonas transfronteirizas, con vistas á busca das similitudes, diferenzas e ás posibles opcións de complementariedade.

Entre os obxectivos do programa están aumentar a atracción da eurorrexión, desenvolver servizos comúns entre ambas rexións, crear instrumentos de xestión da cooperación de segunda xeración e promover o establecemento e consolidación de redes de cooperación intermunicipal nos campos da xestión, ordenamento do territorio, desenvolvemento empresarial e da integración social, entre outros.

“Para este Goberno a cooperación con Portugal é un asunto estratéxico, que nos aporta unha vantaxe competitiva clave para o noso desenvolvemento económico”, concluíu o conselleiro, que tamén destacou a importancia na cooperación transfronteiriza que ofrece a Agrupación Europea de Cooperación Territorial, que ata agora non era unha realidade e que comezará a funcionar en poucas semanas coa súa sede en Vigo.

Así, Alfonso Rueda aproveitou para anunciar que dende este mesmo momento, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial está a disposición das entidades locais para colaborar cos concellos e as cámaras municipais no deseño e xestión de actuacións de cooperación en fronteira.