A Conselleira de Sanidade reclama unha maior implicación da Aesan na defensa so sector bateeiro de Galicia

redacción GECG - 18/12/2009
A Conselleira de Sanidade reclama unha maior implicación da Aesan na defensa so sector bateeiro de Galicia
Farjas subliña que os datos epidemiolóxicos avalan que o molusco galego reúne os máis altos niveis de seguridade alimentaria. XUNTA.

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, participou onte nunha reunión do Consello de Dirección da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), na que reclamou unha maior implicación da Axencia na defensa do sector bateeiro no que se refire á proposta normativa europea para a modificación do método de análise e dos niveis de presenza de biotoxinas en moluscos. Así, puxo de manifesto a necesidade de seguir coa defensa do sector de produción de moluscos de España, e especialmente de Galicia, que ten demostrados altos niveis de calidade e de control sanitario ao longo de moitos anos de experiencia.

A responsable da carteira sanitaria indicou que os esforzos feitos neste sentido pola AESAN nos últimos meses “foron sempre a instancias da Xunta e chegaron tarde”, e lamentou que tanto o anterior Executivo autonómico como o propio Goberno do Estado deixaran pasar a oportunidade de buscar alianzas estratéxicas con outros países da Unión Europea ante a votación do texto da Decisión comunitaria de cambio de método de análises de biotoxinas en moluscos bivalvos.

Considerou difícil de entender que o Laboratorio de Referencia Comunitario de biotoxinas de Vigo -pertencente á AESAN- non puidera rebater o inadecuado de aceptar a aprobación dun método de análise aínda non validado e que desprotexe ao consumidor, xa que só serve para detectar as toxinas para as cales hai patróns certificados, que ata o de agora non existen a nivel mundial.

Ademais, dixo, esta Decisión prexudicará a todo o sector europeo, xa que non será aplicable ás importacións de moluscos de terceiros países, que terán que ser analizadas polo método recomendado pólo Codex Alimentarius e a Organización Mundial de Comercio.

Neste senso, subliñou que os datos epidemiolóxicos avalan que o molusco de Galicia reúne os máis altos niveis de seguridade alimentaria e solicitou á AESAN que faga todo o posible para recuperar o tempo perdido e que solvente unha situación que, ademais de poñer en perigo a viabilidade da produción nas rías galegas, vai en contra dos intereses do consumidor.

Lei de seguridade alimentaria

Doutra banda, Pilar Farjas expresou o malestar da Xunta de Galicia pola forma en que o Ministerio de Sanidade e Política Social ten tramitado o anteproxecto de Lei de seguridade alimentaria e nutrición.

Na xuntanza celebrada esta mañá en Madrid a conselleira lamentou que as Comunidades Autónomas teñan sido consideradas como uns interlocutores sociais máis, en lugar de ter participado activamente no proxecto normativo, xa que ningunha delas tivo coñecemento do texto -nin das súas liñas xerais- ata que foi presentado como borrador no Consello de Ministros. Considerou que este xeito de proceder contrasta co obxectivo principal da AESAN, que é impulsar a coordinación e colaboración entre todas as administracións públicas con competencias en seguridade alimentaria e nutrición.

Farjas Abadía informou das alegacións formuladas desde a Xunta de Galicia ao anteproxecto e anunciou que se vai convocar a Comisión autonómica de seguimento de disposicións normativas estatais e doutras Comunidades Autónomas co obxectivo de salvagardar as competencias recoñecidas polo Estatuto de Autonomía xa que, segundo dixo, se considera que pode existir un conflito competencial no proxecto normativo.

Inspección de produtos alimenticios de orixe animal

Por último, a titular de Sanidade reiterou o interese de Galicia en participar activamente nos grupos de traballo que, no contexto europeo, están a reflexionar sobre posibles cambios no sistema de inspección de produtos alimenticios de orixe animal, lembrando que Galicia ten moitos avances que achegar, especialmente na inspección en matadoiros e na trazabilidade da carne que neles se produce.