O Xacobeo apoia a inauguración en Madrid da exposición fotográfica de Pierre Gonnord sobre a paisaxe e as persoas que chegará a Galicia en 2010

redacción GECG - 17/12/2009
O Xacobeo apoia a inauguración en Madrid da exposición fotográfica de Pierre Gonnord sobre a paisaxe e as persoas que chegará a Galicia en 2010
O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, participou onte na presentación da mostra do artista francés, que se exhibirá en Galicia dentro da programación do Camiño Contemporáneo do Xacobeo 2010. XUNTA.

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos asistiu onte á inauguración da exposición fotográfica de Pierre Gonnord Terre de personne no Centro de Exposicións da Consejería de Cultura da Comunidade Autónoma de Madrid. O artista presentará en Galicia o seu traballo sobre o diálogo no espazo entre paisaxes e as persoas retratadas con motivo da celebración do Xacobeo 2010.

A exposición encadrarase dentro da programación do Camiño Contemporáneo, que ten como obxectivo mostrar a vangarda das artes plásticas, a fotografía, a arquitectura e a arte visual. Ademais de Pierre Gonnord exporán o seu traballo en Galicia Cándida Höffer, Manuel Valcárcel e Cristina García Rodero.

A inauguración contou cunha nutrida presenza de autoridades, entre elas o Ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, a Directora Xeral de Museos, Arquivos e Bibliotecas da CAM, Isabel Rosell, a Viceconselleira de Cultura da CAM, Concha Guerra, e o Embaixador de Francia en España e a galerista Juana de Aizpuru.