A Xunta investirá mais de 4 millóns de euros en 2010 para adquirir solo en san Paio de Navia (Vigo) co obxectivo de construír 600 novas vivendas protexidas

redacción GECG - 17/12/2009

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) incrementará en 325.993,5 euros os fondos previstos inicialmente para a adquisición do solo necesario para o desenvolvemento das etapas 3b, 4, 5 e 6 de San Paio de Navia (Vigo), segundo aprobou hoxe o Consello da Xunta.

Así, a anualidade correspondente a 2009 increméntase en 284.236 euros, o que supón un 93,5 por cento máis do inicialmente previsto para este fin, que era de 303.758,19 euros. Polo que respecta a 2010, o importe para a adquisición de terreos en San Paio de Navia increméntase nun total de 113.571,40 euros.

Deste xeito, a Xunta de Galicia investirá o vindeiro ano 4,1 millóns de euros na compra de solo para novas vivendas de protección oficial en San Paio de Navia. Concretamente, atópanse pendentes de desenvolvemento as etapas 3A, 4, 5 e 6, que ocupan unha superficie total de 260.000 metros cadrados, dos que máis de 71.000 xa foron adquiridos xunto cos terreos correspondentes ás etapas 1, 2 e 3A, xa urbanizadas polo IGVS e sobre as que se asentan as vivendas construídas en Navia.

En outubro de 2007 a anterior Consellería de Vivenda e Solo iniciou o proceso para a adquisición dos 188.872 pendentes de compra por medio dunha resolución que tivo que ser modificada tres veces en 2008 para adecuar os fondos previstos ás necesidades reais.

Na actualidade estase a tramitar a redacción dunha modificación puntual do Plan Parcial de San Paio de Navia para adaptalo ao Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo (PXOU), e está previsto que quede aprobada en 2010, o que permitirá iniciar o proceso de expropiación dos terreos que non se poidan adquirir en compravenda.

As etapas pendentes de desenvolvemento en San Paio de Navia permitirán a construción de máis de 600 novas vivendas protexidas neste barrio.

As cifras de San Paio de Navia
O proxecto de urbanización de San Paio de Navia botou a andar en 1999 coa adquisición dos primeiros terreos por parte do IGVS, despois de desenvolver un longo proceso de redacción e aprobación dos documentos urbanísticos que permitiron o seu desenvolvemento.

Só tres anos máis tarde, en 2002, se adxudicaron as primeiras parcelas das etapas 1 e 2, cunha superficie de 635.000 metros cadrados, para a construción de 1.488 vivendas protexidas de promoción privada. A comezos de 2005 adxudicábase a redacción do proxecto básico para a construción das 384 vivendas de promoción pública que se están a construír no polígono e que foron sorteadas o pasado xullo.

Así, o Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu nas etapas 1 e 2 preto de 32,5 millóns de euros.
Ademais, o organismo autonómico achega case 6 millóns de euros na zona verde de San Paio de Navia, que ocupa unha superficie de 89.217 metros cadrados, dos que 247.729 metros corresponden a prazas e os 64.488 restantes a paseos e bosque.