Xuventude lembra que o convenio de Carné Xove cunha entidade financeira está vixente desde 1999

redacción GECG - 17/12/2009

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, lembrou hoxe que o convenio de colaboración entre o programa do carné xove e a entidade financieira Caixa Galicia comezou en 1999, e que, desde ese ano, vénse executando de forma anual.

Así o detallou hoxe Ovidio Rodeiro na súa intervención durante o transcurso da comisión 5ª no Parlamento, e ante as críticas feitas desde a oposición.

Deste xeito, explicou que se trata dunha campaña enmarcada dentro dun programa de desenvolvemento e fomento do carné xove, na que a entidade financieira actúa como colaboradora para a distribución, promoción e publicidade deste programa, como vén facendo nos últimos anos.

No que se refire á posibilidade de poder obter un servizo financieiro a maiores, sinalou que se trata dunha utilidade que os usuarios poden incorporar voluntariamente, de balde, e que se considera como un “plus” respecto ás condicións dun carné simple.

Neste sentido, apuntou que hai que ter en conta que este tipo de carnés contan con ofertas de entidades e empresas –como descontos e promoción-, e que, polo tanto, hai que entender este tipo de ofertas neste marco.