Este drama litúrxico interprétase coas reproducións dos instrumentos do Pórtico da Gloria e nel cobran vida os profetas esculpidos polo mestre Mat

A Catedral de Santiago acollerá o 23 de decembro a representación do Ordo Prophetarum, unha recreación musical do Pórtico da Gloria

redacción GECG - 16/12/2009

O Pórtico da Gloria cobrará vida o vindeiro 23 de decembro. Doce músicos farán soar de novo os seus instrumentos e dezaséis cantantes porán alma ás figuras de pedra esculpidas polo mestre Mateo. Será na representación do Ordo Prophetarum, un drama litúrxico medieval que narra os augurios dos profetas sobre a chegada do Mesías, que se porá en escena o vindeiro mércores a partir das 22.00 horas na Catedral de Santiago. O proxecto conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, principal impulsor da representación a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Este espectáculo, dirixido polo músico e luthier Francisco Luengo, é o resultado dun profundo traballo de investigación sobre o Pórtico da Gloria, as escenas que amosa e a música que encerra, que tamén lle permitiu reconstruir con total fidelidade os instrumentos nel representados. Eses mesmos instrumentos serán os que se utilicen para a interpretación do Ordo Prophetarum, en mans de doce especialistas integrantes dos grupos Capela Compostelana e Malandança.

A parte vocal, dirixida por Miro Moreira, correrá a cargo de dezaséis cantantes da Capilla Musical da Catedral de Santiago, que darán voz a unha serie de profetas tamén inmortalizados na entrada principal do templo. Así, un praecentor (conductor) irá convocando a Moisés, Isaías, Xeremías, Daniel, Abacuc, o rei David, a raíña de Saba, Simeón, Balaám, Elisabeth, Xoán Bautista, Virxilio, Nabucodonosor e a Sibila Eritrea.

A representación do Ordo Prophetarum naceu na Idade Media ligada ó Nadal. A súa temática, centrada nas profecías sobre a chegada do Mesías ó mundo, facía destas datas o momento ideal para a súa posta en escena e así se intentou recuperar, seguindo as teses do profesor Serafín Moralejo e coa asesoría científica de Manuel Castiñeira. Os detalles da escenificación están coidados ó máximo. Un equipo de perruquería, maquillaxe e vestiario encárgase de caracterizar a instrumentistas e cantantes para reproducir con precisión as figuras de pedra ás que dan vida. Todo para que público e intérpretes poidan viaxar no tempo e disfrutar da obra en todo o seu esplendor.

A reconstrucción desta peza dramática fíxose en base a unha versión do Ordo Prophetarum datada do século XII e que se conserva en San Marcial de Limoges. Completouse con dúas obras de temática afín, a cantiga 422 de Afonso X o Sabio e a égloga IV de Virxilio.

Orixe do Ordo Prophetarum

“Os Profetas de Cristo” é un drama litúrxico medieval, é dicir, unha das primeiras manifestacións teatrais europeas. Os dramas litúrxicos tiñan un carácter pedagóxico, doctrinal e lúdico, e representábanse en ámbitos eclesiásticos: adros, prazas perto da igrexa e, preferentemente, dentro do propio templo, explotando tódolos escenarios: altar, triforio, porta principal e mesmo cúpula para descolgar anxos (como se segue a facer no Misteri de Elxe). Estes dramas compúñanse de texto e música, resultando unha especie de pequenas óperas medievais, interpretadas en días sinalados, e cada drama estaba adscrito a unha estación do ano litúrxico. O Ordo Prophetarum pertence ao ciclo de Nadal, pois trátase das profecías proferidas por distintas personaxes bíblicas sobre a vida do Mesías.

A Asociación para a Promoción da Música ACTUS decidíu empreder a a recuperación do Ordo Prophetarum na Catedral de Santiago a partires de dous feitos relacionados: As teses do profesor Serafín Moralejo acerca da representación no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago das personaxes participantes no Ordo Prophetarum, e polos diversos proxectos de reconstrución dos instrumentos do mesmo Pórtico da Gloria nos que tomou parte o director da representación Francisco Luengo. Nun deste proxectos o propio Serafín Moralejo amosoulle a Francisco Luengo as posibilidades de representación efectiva do drama na práctica, contando coa orquestra do Pórtico.