Inicio  >  Sociedad  >  Cultura

Dúas reedicións facsimilares da histórica revista Lar recuperan a obra en galego de Wenceslao Fernández Flórez

redacción GECG - 26/11/2011
Dúas reedicións facsimilares da histórica revista Lar recuperan a obra en galego de Wenceslao Fernández Flórez
Portada da histórica Lar.

Dúas reedicións facsimilares da histórica revista Lar, publicada entre 1924 e 1926, recuperan a obra en galego do escritor Wenceslao Fernández Flórez. Trátase das novelas curtas A miña muller e O ilustre Cardona, que a Fundación Wenceslao Fernández Flórez publicou recentemente coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística para que a obra en galego do escritor teña a máxima difusión entre os lectores.

O responsable do departamento da Xunta, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridad; e o director da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, Antonio Montero, recordaron a traxectoria do escritor e súa vinculación coa lingua e a cultura galegas. Fixérono esta tarde durante o acto de presentación das dúas obras, que tivo lugar na sede da fundación, no municipio corunés de Cambre.

Intelectual comprometido con Galicia

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo destacou “o papel de Wenceslao como intelectual comprometido con Galicia” e asegurou que co seu labor contribuíu á dignificación da nosa lingua e da nosa literatura, nun período, o dos anos 20 do século pasado, onde se estaban a desenvolver iniciativas de amplo calado cualitativo, como as irmandades da fala e o grupo Nós”. Ademais, incidiu no enfoque e na temática en clave galega que presiden, en gran medida, a súa obra.

A respecto do seu vínculo coa lingua galega, o secretario xeral tamén recordou o papel exercido polo escritor, como membro da Real Academia Española, para conseguir que finalmente o dicionario da institución mudase a acepción da palabra galego, que pasou a recibir a consideración de lingua en vez de dialecto. Ademais, tamén conseguirá eliminar do dicionario varias acepcións pexorativas do termo galego.

O escritor

Wenceslao Fernández Flórez (A Coruña, 1885 – Madrid, 1964) foi un narrador, xornalista e humorista galego. Autor dunhas 40 novelas e libros de relatos de humor, a súa obra valeulle en 1926 o recoñecemento do Premio Nacional de Narrativa. A miña muller e O ilustre Cardona constitúen a obra en galego escritor. As dúas novelas curtas, xénero no que era un auténtico mestre, viron a luz na revista quincenal Lar.

A revista Lar

O primeiro relato publicado pola revista Lar foi A miña muller. A colección, publicada na Coruña entre 1924 e 1926 e dirixida por Leandro Carré Alvarellos, tiña como finalidade difundir a lingua galega a través da literatura, dando a coñecer os principais escritores do momento. Con ese obxectivo procurábase dar a coñecer e dignificar, ao mesmo tempo, a literatura en lingua galega, nun contexto en que a utilización escrita do idioma era moi baixa e en que non había tradición de ler en galego.

 
Buscar en GECG
Sobre esta información...
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Consultoria Empresarial
pulse aquí para descargar PDF
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com