O Edificio Administrativo da Xunta en Lugo acolle dende hoxe a exposición No niño novo do vento. Cen anos con Ávaro Cunqueiro. 1911-2011, coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense.
A mostra, que está promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, a editorial Galaxia e a Fundación Penzol e ten carácter itinerante, presenta en 16 paneis informativos e 8 vitrinas todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras.
No niño novo do vento foi inaugurada hoxe polo xefe territorial de Cultura, José Carlos Rodríguez Andina, e o director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, que é un dos comisarios da mostra.
Durante a súa intervención, Rodríguez Andina sinalou que este proxecto “propón un achegamento non só á obra senón tamén á persoa do escritor, para entender mellor aquela”, e destacou o seu “afán eminentemente didáctico e accesible para todos os públicos, xa que é importante que as novas xeracións recoñezan e reivindiquen o legado cultural de Cunqueiro”.
O xefe territorial explicou que a mostra “exhibe o universo de Cunqueiro a través tanto de elementos íntimos como da súa produción literaria, isto é, a través de material de grande valor tanto emocional como patrimonial”.
Cinco seccións
No niño novo do vento, que estará aberta ao público no Edificio Administrativo da Xunta ata o día 4 de setembro, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo de Cunqueiro a través de elementos como a reprodución do seu escritorio de traballo ou a narración biográfica no seu contexto histórico e vital.
Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición.
Entre os obxectos que se poden atopar figuran galardóns, diplomas, os seus carnés de identidade e de xornalista, postais, correspondencia recibida dos seus amigos, axendas privadas, medallas, condecoracións, etc.
A parte máis identificativa da mostra –comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes- é o espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal. Trátase de transmitir un efecto de intimidade dentro do ambiente de creación do escritor nunha das súas épocas máis produtivas, ao que contribúen as cartas a Paco del Riego ou os orixinais de Merlín e familia que pousan na mesa a carón da súa máquina de escribir. Tamén, diante do escritorio, están as figuras, en volume e a tamaño natural, de Merlín e Felipe de Amancia, dous dos seus personaxes máis populares.
No niño novo do vento estivo exposta en Mondoñedo, Santiago de Compostela e Ourense. Tralo seu paso por Lugo, visitará A Coruña, Pontevedra e Ferrol, para acabar o seu percorrido en Vigo cunha instalación que ocupará a Fundación Penzol a finais de decembro.