Os conselleiros de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, e de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiron hoxe cos alumnos do Instituto de Educación Secundaria Rosalía de Castro a conmemoración do 173 aniversario do nacemento da escritora. O acto consistiu nunha lectura de poemas de Rosalía de Castro por parte dos estudantes á que os dous conselleiros e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, se sumaron desde o escenario do Salón de Actos.
Os representantes da Xunta de Galicia apoiaron coa súa presenza unha iniciativa simbólica, dentro do seu interese prioritario pola promoción e difusión dos autores galegos en todas as idades e, especialmente, na mocidade. Os textos de Rosalía de Castro escollidos para a súa lectura xunto aos alumnos do instituto foron os seguintes: o conselleiro Roberto Varela Fariña recitou o poema O toque d’alba; o conselleiro Xesús Vázquez Abad leu Amores cativos e Quem non xime; e o secretario xeral Anxo Lorenzo A ventura é traidora e A xusticia pó-l-a man.
A Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria son conscientes do valor estratéxico do libro para a expresión do dereito á creación e para a promoción e divulgación da cultura galega. Neste sentido, considérase fundamental a reivindicación do papel do libro como instrumento fundamental para a difusión da nosa lingua e, con esta orientación, a Xunta de Galicia está a celebrar en 2010 o Ano do Libro e da Lectura. Dentro desta conmemoración, o fomento da lectura e a escrita en galego entre os mais novos constitúe un eixo central.
Escritora universal
Rosalía de Castro constitúe a iniciadora do chamado Rexurdimento galego, ademais de que foi a introdutora, no ámbito hispánico, de metros e formas poéticas ata entón inéditas en España, razóns abondas para que hoxe, que se celebra o aniversario do seu nacemento, sexa homenaxeala. Esta escritora consagrouse como un referente cultural por un legado literario que afonda no coñecemento da realidade social e da natureza humana.
Fai dous séculos, no momento en que Galicia inicia unha emigración masiva cara a países de case todo o mundo, os versos de Rosalía de Castro convertéronse na expresión máis xenuína da dor humana e do problema social que causaba a emigración. Cando chegou o movemento feminista a Galicia, tamén Rosalía de Castro erixiuse nun modelo de loita pola igualdade da muller, expresado en poemas antolóxicos da súa autoría e tamén a través da súa andaina vital.
Os poemas de Rosalía de Castro foron tamén lidos en clave existencialista, especialmente os do poemario Follas Novas, no momento en que o pensamento existencialista campaba por Europa. Os seus poemas son así mesmo, para moitas outras persoas, un diálogo agudo e clarificador coa divindade, de aí que abundaran as lecturas máis diversas desde a perspectiva da relixiosidade.
Chegados a este punto, non estraña que, desde hai moito tempo, Rosalía de Castro sexa a escritora galega máis universal e que a súa obra estea traducida a multitude de linguas (ao ruso, ao xaponés, ao inglés, etc.). Pero, por enriba de todo, Rosalía de Castro erixiuse, para os galegos como un mito e unha icona.