O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou hoxe a clausura do Congreso Ordinario de Unións Agrarias para convidar ao Goberno central a “formar parte do pacto agrario galego” que se está a elaborar “coas organizacións agrarias”. “A instancias das organizacións estamos intentando buscar un proxecto cunha voz unitaria para trasladarlle lealmente ao Goberno de España cal é a proposta sobre a Política Agraria Común que quere trasladar ás organizacións agrarias galegas e ao Goberno de Galicia”, incidiu.
Neste sentido, Núñez Feijóo resaltou os obxectivos perseguidos: “Garantir a capacidade produtiva dos nosos labregos e gandeiros; que a Política Agraria Común sexa unha rede de seguridade do sector; e por último, que haxa mecanismos dabondo para unha xestión eficaz dos mercados”.
Así mesmo, o mandatario galego resaltou a necesidade de que os gobernos declaren “ao sector agroalimentario como un sector estratéxico da economía, e moito máis en tempos de crise económica”. “Cando un país está vendo como entran toneladas de leite de outras latitudes a un prezo por debaixo do custe, non se da conta que se está equivocando. Cando non nos poñemos todos de acordo, os gobernos autonómicos, o goberno de España, para esixir algo que parece razoable, e é que as cadeas de industrialización e distribución non lle falten ao respecto aos produtores, entón non nos daremos conta que todas as administracións nos estamos equivocando”, aseverou.
Así, Núñez Feijóo destacou a necesidade “de seguir traballando” xa que resulta “moi difícil manter aos sectores cando no se cobren custes, e é moi difícil dicirlle aos produtores que sigan producindo un produto cando non se coñece o prezo”.
Recoñecemento ao campo galego
Por outra banda, o presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para agradecer o importante labor desempeñando polo campo na sociedade galega. “Galicia ten unha débeda coa súa sociedade agraria que a Xunta de Galicia quere axudar a pagar con feitos”, sinalou. E engadiu: “Demostráchedes forza. Galicia vos debe un recoñecemento que eu quero facer público hoxe”.
Así, Feijóo lembrou algúns dos programas que se veñen desenvolvendo durante os últimos meses en materia agraria, como “o Plan Estratéxico para o sector lácteo, con medidas a curto, medio e longo prazo”, posto en marcha “despois de escoitar ás organizacións agrarias, habilitando fondos e partidas orzamentarias concretas, e con decisións inmediatas como a aprobación de axudas directas”.
Ademais, adiantouse “o pago das partidas da Política Agraria Común”, axilizando os trámites para as solicitudes de modernización das explotacións, e publicouse “no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria para incentivar a redución dos custes de explotación”.
Un país moderno
Por outra banda, Núñez Feijóo aproveitou a súa intervención para resaltar, tamén, “a modernización” acadada polo “campo galego”. “En poucos anos –explicou-, Galicia converteuse nun país moderno grazas a un labor colectivo do que todos nos podemos gabar. Superando atrancos, deixando atrás tópicos e desmentindo teorías, a nosa terra deixa as fronteiras do desenvolvemento para tomar o rumbo do progreso”.
Nesta liña, o xefe do Goberno galego sinalou que “algúns viron no campo galego a crónica dunha morte anunciada”, descoñecendo “a enorme enerxía humana” das súas xentes. “Cando se fala dunha Galicia rural e outra urbana, estase dicindo unha verdade a medias. Todos somos labregos porque levamos impreso na nosa memoria un pasado ou un presente labrego. O medio rural é a forma de vida de Galicia”, concluíu.