Ourense e Pontevedra serán o escaparate da gastronomía galega no programa ‘Un país para comérselo’ de Televisión Española. Os actores Imanol Arias e Juan Echanove son os conductores deste documental de ficción que ten a arte culinaria como fío condutor e que ensalza as peculiaridades gastronómicas dos territorios. O programa, que comezou a emitirse en prime-time a finais de xaneiro a través de TVE e TVE1 Internacional é un documental de ficción de 45 minutos de duración e de 26 capítulos e vai dirixido a un target familiar.
A Consellería de Cultura e Turismo a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia, adscrita á Secretaría Xeral para o Turismo, e os patronatos de Turismo de Ourense e de Pontevedra patrocinan a produción de dous capítulos, un en Ourense e outro rodado en Pontevedra, e esta acción enmárcase dentro do Plan de Promoción da Gastronomía, que forma parte do Programa de Actuacións do Turismo de Galicia 2010.
‘Un país para comérselo’ é un programa tipo ‘road movie’ cuxo eixo central é o descubrimento do produto orixinal, da receita máis auténtica, da cultura que esconde detrás. Asimesmo, participan no programa diferentes personaxes que comparten o seu coñecemento sobre unha zona ou sobre un produto concreto. A través dun produto concreto o programa descubre onde, como e cando se cultiva ou produce; a historia do mesmo e as súas formas de preparación.
Asimesmo, o programa inclúe curiosidades relacionadas coa natureza ou a zona onde se desenvolve, un apartado de consellos para coidar dunha horta, coincidencias con festas populares e romarías, recunchos insólitos ou as mellores vistas dos lugares que visitan.
Rías Baixas e Ourense
O contido do programa das Rías Baixas que se gravará na segunda quincena de marzo resúmese nun repaso polos mariscos da zona, unha experiencia de pesca de rapeta na praia de Aguete; unha excursión á illa de Ons na que se preparará un guiso de polbo; unha subasta de polbo na lonxa de Bueu e unha descarga de pescada na lonxa de Marín; unha experiencia de mergullo e pesca de navallas e unha visita a unha cava submarina cun enólogo e mais a ás bateas de mexillóns de Moaña. En Bueu, Juan Echanove e Imanol Arias tamén aprenderán a preparar a raia en tres versións.
En Ourense, os condutores do programa prepararán polbo á feira, pan de Cea e empanada. Tamén pescarán troitas coa arte da ‘cola de rata’ e visitarán a adega de José Luís Cuerda en San Clodio. No Parador de Santo Estevo organizarán unha cata con todos os viños con Denominación de Orixe de Ourense.
O programa en Ourense gravarase na segunda quincena de maio e aínda que non poderán ver os soutos no seu esplendor, farán unha referencia especial á castaña e á cociña con este produto. Tamén gravarán o rito de preparación da queimada e cociñarán pratos con tenreira galega. Haberá referencias tamén aos queixos galegos e ao aceite de oliva de Ourense e de Quiroga.