Inicio  >  Galicia  >  Mar

A actividade extractiva do polbo co Plan de explotación marisqueira redundará na recuperación da especie

redacción GECG - 19/2/2010

O obxectivo do plan de Explotación Marisqueira para o 2010 é asegurar a rendibilidade da actividade extractiva do polbo “o maior tempo posible durante todo o ano”. Así o afirmou hoxe, na comisión oitava de Pesca e Marisqueo, o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, quen dixo que as medidas técnicas adoptadas polo seu departamento están encamiñadas “á reducción do esforzo pesqueiro e a un maior control das capturas, segundo aconsellan os estudos técnicos”. Neste sentido, Fernández Asensio asegurou que tanto a reducción do horario como o establecemento dos cupos diarios, ambas medidas modificadas e consensuadas co sector, “van nesa dirección”.

Topes e horarios

Respecto dos topes de capturas e o horario establecido, Pablo Fernández recalcou que foron dous aspectos que se abordaron en tódalas nas reunións mantidas co sector. Así, nestas xuntanzas acordouse a súa redución, quedando establecido dende as 6:00 horas ás 16:00 horas. “Esta é unha das medidas adoptadas para a redución da actividade nos caladoiros para a recuperación da especie, xa que temos que ter en conta a reducción das capturas dos últimos anos”, aseverou e engadiu que “tamén é positivo para as condicións laborais dos propios mariñeiros”.

Na súa intervención, o director xeral explicou tamén que a maioría do sector acordou establecer un tope de capturas diario quedando, do 1 de maio ao 30 de outubro, en 30 quilos por embarcación e 30 quilos máis por cada tripulante a bordo cada día (ata un máximo de 180 quilogramos por día) e no resto da campaña extractiva as cotas máximas de capturas son de 50 quilos por embarcación ao que se engadirán 50 quilos por cada tripulante a bordo (ata un máximo de 300 quilos por día).

O director xeral sinalou que o establecemento dun tope diario redundará na conservación da especie e referiuse a varias pesquerías que tiveron que pechar por manter cupos semanais ao esgotar os produtos. Ademais, asegurou que “permitirá un mellor cumprimento da normativa en canto ao tamaño e as capturas, ao facilitar as inspeccións de control”. A maiores, engadiu que “o tope diario non satura o mercado e posibilitará que os prezos do cefalópodo se manteña nas lonxas, polo que os profesionais do mar venderán mellor”.

Plan flexible

O responsable de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños incidiu que a Consellería do Mar buscou o maior consenso posible á hora de introducir os cambios no Plan Explotación marisqueira do polbo deste ano. De xeito, segundo explicou, mantivéronse seis xuntanzas cos tres presidentes das Federacións Provinciais de Confrarías, co presidente da Federación Galega de Confrarías e cun representante do polbo de cada provincia.

Pablo Fernández aclarou que durante estas reunións mantidas co sector “se especificou que tanto os topes de capturas e o horario poderían cambiar a partir de marzo en función da evolución desta especie, que se seguirá a través de diversos estudos”. Ademais, explicou que o mesmo acontecería no caso da veda, “xa que esta nova orde permite establecela durante dous meses continuados no período comprendido entre abril e setembro no caso de que sexa necesario”.

Fernández Asensio deixou claro que o seu departamento tomará as decisións “tendo en conta o estado do recurso e a opinión do sector afectado”. Neste sentido, explicou que a Consellería fará un seguimento da evolución da especie, a través de varios estudos técnicos.

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Consultoria Empresarial
pulse aquí para descargar PDF
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com