A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra iniciou onte no concello de Barro unha rolda de conferencias sobre o novo hospital de Monte Carrasco co fin de ofrecer información aos veciños e veciñas sobre esta nova infraestrutura sanitaria.
A charla correu a cargo da xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e do alcalde da vila, José Antonio Landín Eirín.
“Trátase dun hospital punteiro en Europa “, explicou Cores Tourís, “que suporá a creación de 1.600 postos de traballo na súa construción”. De feito, destacou as infraestruturas sanitarias como mellor ado estado do benestar “e como motor de emprego nun momento de aumento do paro como o actual”.
Pola súa banda, Feijoo-Montenegro recordou aos veciños que “xa non é hora de falar da ampliación de Montecelo” trala derrogación do decreto de supramunicipalidade para a expropiación dos terreos sobre os que se ía a executar esa ampliación. “Agora temos que falar do novo hospital de Monte Carrasco e ese é o noso obxectivo, que vostedes comprendan a importancia dunha infraestrutura que será moderna, ecolóxica, sostible e 100% pública”.
Destacou a xefa territorial o feito de que se trata dun hospital de futuro “con posibilidades reais de crecemento, non como foi o proxecto de Montecelo. Un centro que non só crecerá en número de camas para hospitalización senón tamén para urxencias, que contará cunha área para docencia e investigación, con 50.000 metros cadrados para aparcamento e incluso con 900 metros cadrados para a construción dunha helisuperficie”.
Entre as diversas melloras tecnolóxicas coas que contará o novo hospital de Monte Carrasco, Feijoo-Montenegro avanzou a instalación de tres habitacións de parto con bañeira “para que as mulleres que así o desexen poidan optar por este tipo de nacemento”. A UCI neonatal pasará dos catro metros cadrados previstos no anterior proxecto de Montecelo aos 12 metros cadrados “mentres que a maiores se inclúe a UCI Pediátrica que non se contemplaba anteriormente”.
“Acabaremos co caos de Urxencias ao crear un espazo moi amplo de 2.800 metros cadrados con 93 postos de atención”, engadiu a xefa territorial quen tamén destacou que o novo hospital de Monte Carrasco “será ecolóxico o que quere dicir que será un hospital sen papeis, algo que só pode ser unha realidade deste xeito porque é inviable cambiar todo o cableado nunha infraestrutura antiga como é a de Montecelo”.
Ante as preguntas dos veciños presentes, Ángeles Feijoo-Montenegro respondeu que “os propios profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra queren que o hospital sexa construído dende cero”. Sobre isto tamén se postulou o alcade de Barro, José Antonio Landín Eirín, quen, ademais é médico cirurxián do CHOP. “Os traballadores sabemos as molestias que pode supor traballar á vez que se están a executar obras nunha área do hospital. E se para nós é incómodo, para os pacientes e os seus acompañantes non o quero nin pensar”.
Os presentes tamén quixeron aclarar ás súas dúbidas sobre o xeito de financiar o novo hospital de Pontevedra. Sobre isto, os responsables autonómicos insistiron en que “será 100% público, tanto na súa xestión como na asistencia sanitaria. Tódolos traballadores sanitarios serán contratados polo Sergas, dende os auxiliares administrativos ata os celadores, enfermeiros e médicos. Só se externalizarán os servizos no sanitarios que serán encargados á empresa á que se lle adxudique a construción da infraestrutura”.
Sobre esta cuestión, tamén matizou Ángeles Feijoo-Montenegro que “xa nestes intres estes servizos non sanitarios están externalizados co que non haberá cambio algún”. Tamén respondeu aos veciños acerca do equipo tecnolóxico “que será adquirido polo Sergas. Só o material non sanitario, coma por exemplo, mesas ou cadeiras, será afrontado con financiamento privada”.
Os accesos tamén foron outra das preguntas expostas polos veciños na reunión. En resposta a este tema, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, matizou que está previsto que as novas infraestruturas de Pontevedra como a autovía entre Vilagarcía e Vigo ou a circunvalación da vila, faciliten a rápida chegada ata este hospital.