Inicio  >  Galicia  >  Mar

Medio Ambiente adxudica a redacción do Plan de rexeneración ambiental dos cauces públicos na ría do Burgo, por un importe de case 150.000 euros

redacción GECG - 19/2/2010

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou esta mañá a contratación dos servizos para a redacción do Plan de Rexeneración Ambiental e posta en valor dos cauces públicos na ría do Burgo. O importe desta actuación ascende a 146.674 euros e foi adxudicada á empresa Eyser.

O prazo de execución deste proxecto é de oito meses. Este plan analizará a situación actual dos leitos que verten á ría, propoñendo e priorizando aquelas actuacións necesarias para acadar a restauración ambiental e recuperación da integridade ecolóxica da ría de O Burgo. Este proceso de rexeneración consta dun conxunto completo de accións deseñadas para conseguir o equilibrio dinámico e das funcións dos ecosistemas ribeiráns.

Elaboración do plan

En primeiro lugar, levarase a cabo un traballo de campo para a realización dun inventario dos bens de interese natural ou dos obstáculos que poidan impedir o paso de auga. Posteriormente, realizarase unha avaliación ambiental do ecosistema fluvial.

Unha vez recompilados e considerados os datos citados anteriormente, definiranse as actuacións necesarias: eliminar ou corrixir invasións no dominio público, minimizar vertidos de augas residuais, mellorar os ecosistemas e compatibilizar o acondicionamento para uso público co respecto polo medio natural.

A Xunta de Galicia, grazas a estes traballos, dispoñerá dos instrumentos directores que garantan a recuperación ambiental da ría de O Burgo.

Outras adxudicacións

A Xunta de Galicia adxudicou a finais de xaneiro o Plan de Saneamento local da Ría do Burgo por un importe total de 913.072 euros. A empresa adxudicataria desta actuación hidráulica foi Applus.

Co Plan de Saneamento Local da Ría do Burgo plantéxase un estudo máis exhaustivo e detallado da problemática existente nesta ría. A redacción deste implicará un prazo de execución de 16 meses. Os traballos a desenvolver divídense en seis grandes fases.

Fases do Plan de Saneamento Local da Ría do Burgo

Fase I. Coñecemento da rede actual de saneamento. Localización de vertidos. Identificación de zonas marisqueiras e zonas de baño. Identificación de zonas de especial protección ambiental.
 
Fase II. Avaliación do impacto dos alivios e vertidos e modelo de calidade da auga na Ría do Burgo.

 Fase III. Campaña de aforos de caudais e analíticas da auga
 
Fase IV. Modelización da rede de saneamento (cálculo da rede).

Fase V. Elaboración de propostas de actuación

Fase VI. Planificación e priorización de actuacións e investimentos.
 

 A finalidade deste contrato é a de constituír o documento básico que permita planificar as futuras actuacións en materia de saneamento, drenaxe e control das augas pluviais nos concellos do ámbito de estudo a través de Técnicas de Drenaxe Urbano Sostible (estruturas de control das augas pluviais: tanques de retención ou tanques de tormentas, etc).

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Consultoria Empresarial
pulse aquí para descargar PDF
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com