O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou xunto co presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe, e o presidente da Fundación Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Ricardo Capilla, un convenio pioneiro que sitúa a Galicia na vangarda dos estudos oceanográficos. A través desta colaboración promoveranse actividades que melloren a capacidade científica, técnica e formativa destas institucións.
O acordo permitirá abordar a posta en marcha e avaliación dun modelo oceanográfico operacional para toda a fachada atlántica europea. Ademais, posibilitará a execución dun modelo oceánico rexional para a costa atlántica española que permita prever o comportamento da circulación oceánica e o nivel do mar no período 2000- 2050 en función de diversos escenarios de cambio climático.
No eido deste convenio e do proxecto Interreg RAIA de colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal, instalaranse novas boias oceanográficas na costa galega e portuguesa e executaranse novos modelos de predición para os peiraos da Coruña, Vigo, Viana do Castelo e Leixoes. Entre outros, veranse favorecidos polo novo convenio, usuarios como os mariscadores ou o sector pesqueiro, ao poder facerse novas predicións máis axeitadas ás súas necesidades.
Actualmente, MeteoGalicia xa está a traballar na mellora da rede de observación costeira e na preparación de produtos específicos de predicións para os portos da Coruña, Vigo, Viana do Castelo e Leixoes. Outros produtos serán as predicións das condicións máis óptimas para o marisqueo ou da calidade das augas.
Contido do convenio
A través deste convenio, as tres institucións que xestionan, manteñen, difunden e participan en proxectos de modelado de parámetros océano- meteorolóxicos no medio mariño e que comparten problemáticas, necesidades e obxectivos comúns, colaborarán por medio do desenvolvemento de traballos conxuntos e do intercambio de experiencias, capacidade de cálculo (computador Finisterrae) e datos relacionados (aboias, mareógrafos, modelos, etc.) cos devanditos proxectos.
En virtude deste acordo, porase en marcha e evaluarase no supercomputador Finisterrae do CESGA un sistema de predición oceanográfica para toda a fachada atlántica europea. Con duración de tres años y financiado por la Unión europea, este proxecto desenvolverá un servizo de información para todo tipo de usuarios do sector marítimo que proporcionará datos e información oceanográfica básica para o coñecemento dos mares europeos.
O convenio asinado hoxe en Santiago establece as bases para o desenvolvemento destas liñas de traballo conxuntas das tres institucións: a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de MeteoGalicia, realizará unha predición meteorolóxica e marítima para Galicia, executando os seus modelos de predición nas instalacións do CESGA e utilizando condicións de contorno provistas por Portos do Estado para a execución dos mesmos. Por outro lado, conta tamén cunha rede de observación meteorolóxica e oceanográfica que complementan os resultados obtidos polos modelos.
Pola súa banda, Portos do Estado sostén unha serie de redes de medida de parámetros océano-meteorolóxicos (aboias, correntímetros, radares e mareógrafos), así como sistemas de previsión numérica baseados no modelado numérico.
Vantaxes
Os datos que se recollen ofrecen moitas posibilidades para a industria, o medio ambiente e o coñecemento dos océanos. Algúns exemplos que xa se están levando a cabo están relacionados coa prevención de fenómenos meteorolóxicos e as súas consecuencias. A modo de exemplo, o uso da computación e os simuladores na meteoroloxía permiten que as predicións do tempo e dos comportamentos atmosféricos sexan cada vez máis fiables, podendo prever con maior antelación a chegada de ciclóns, furacáns ou ondas de frío e mellorar a acción preventiva das forzas de seguridade.
No sector da pesca tamén se empregan modelos de simulación, que se aplican para un mellor aproveitamento dos recursos costeiros. Si se coñecen as correntes dunha área de costa -como inflúen as mareas, as interaccións co clima...- pódense determinar os movementos do plancto, as algas ou os bancos de peixes, medindo así e racionalizando a súa explotación. Por outro lado, no relativo á dinámica mariña e ecolóxica, trátase dun campo fundamental de aplicación da simulación porque se pode saber con antelación o comportamento dunha vertedura, a dispersión dun contaminante, os efectos da implantación dunha industria nunha zona costeira ou os derivados das actividades portuarias.
O CESGA
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), depende da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é un organismo cunha traxectoria de 17 anos O seu obxecto é fomentar e difundir servizos de cálculo intensivo e comunicacións ás comunidades investigadoras galega e do CSIC, así como a aquelas empresas ou institucións que o soliciten.
O supercomputador Finisterrae, xestionado polo CESGA e incluído recentemente no Mapa de Instalacións Científico Tecnolóxico Singulares (ICTS) do Ministerio de Ciencia e Innovación, é un sistema integrado por 144 nodos de memoria compartida e conta cun total de 20.000 GB de memoria principal, 390.000 Gb en disco e 2.580 procesadores Itanium. A adquisición do Finisterrae contou co apoio dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, FEDER.