O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conta, na actualidade, cuns sistemas de información que dan soporte á historia clínica e imaxe dixitalizada, así como ás aplicacións de xestión de pacientes, de xestión de recursos humanos e de xestión económica, xunto coas aplicacións ofimáticas, de colaboración e de mensaxaría. Todos estes aplicativos están a executarse sobre os servidores centrais do complexo albergados no centro de proceso de datos do Hospital de Meixoeiro.
O actual centro de datos é o nó de comunicacións para toda a área sur da provincia, e dá servizo de telecomunicacións aos catro hospitais e dous centros de especialidades do complexo e, ademais, aos 34 centros de saúde da área, entre outros organismos.
En consecuencia, a Consellería de Sanidade vai investir 749.000 euros para poñer en marcha, no C.H. Universitario de Vigo, un centro de proceso de datos mellor dimensionado, de cara a garantir a seguridade dos datos e facilitar o crecemento dos sistemas de información do complexo.
Este novo centro é necesario debido a que, nos últimos anos, se está a producir un crecemento moi significativo no emprego das novas tecnoloxías no ámbito asistencial dentro dos centros pertencentes ao Servizo Galego de Saúde.
Na actualidade, estanse a procesar diariamente neste CPD máis de 6.000 citas de atención especializada, tanto dende o propio complexo como dende atención primaria, chegando a un número anual de ao redor de 1.400.000. Asemade, procésanse máis de 2.500 consultas externas, e xéranse e almacénanse, dixitalmente, máis de 32.500 imaxes radiolóxicas e realízanse máis de 3.000 accesos á historia clínica electrónica. Xunto con todo o anterior, procésanse máis de 13.000 chamadas telefónicas.
Todas estas cifras que, evidentemente, están medrando cada día, avalan a necesidade da posta en marcha dun novo centro de proceso de datos.