O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración que será asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo, o Ministerio de Cultura, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Cabido da Santa Igrexa Catedral de Santiago para a dirección técnica dos proxectos de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e do seu contorno así como das pinturas murais da bóveda e arcos da Capela Maior da Catedral de Santiago de Compostela.
En virtude deste acordo, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e a Subdirección Xeral do Instituto de Patrimonio Cultural de España asumen conxuntamente a Codirección Técnica dos traballos obxecto deste Convenio a través dun equipo multidisciplinar formado por técnicos de ambas as
institucións. Para a contratación dos servizos técnicos especializados que permitan o desenvolvemento do convenio, a Consellería de Cultura e Turismo achegará un total de ata 200.000 euros distribuídos en tres anualidades.
Un comité científico, integrado por expertos de recoñecido prestixio nas distintas materias e técnicas que interveñen no obxecto dos proxectos, asesorará e colaborará coa codirección técnica na búsqueda dos criterios máis axeitados nas diferentes fases da intervención.
Entre as liñas de actuación establecidas no convenio, corresponderá á Fundación Pedro Barrié de la Maza a xestión da política de comunicación e difusión do Programa Catedral. Pola súa banda, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Cabido da Catedral comprométense á prestación da maior colaboración no desenvolvemento dos
traballos e na disposición de espazos e acceso dos técnicos para a realización dos labores previstos.
Primeiros pasos
O 17 de abril de 1985, a Xunta de Galicia e os Bispos das Dioceses que comprenden o territorio da Comunidade de Galicia, subscribiron o convenio de colaboración co fin de garantir a conservación e fomentar o enriquecemento do patrimonio artístico e documental da Igrexa. A Xunta de Galicia asume o compromiso de contribuír á conservación, á mellora e á adecuada protección do citado patrimonio así como o compromiso de subvencionar ou dotar os medios persoais e técnicos para a eficiente utilización pública.
O 25 de febreiro de 1997, o Ministerio de Educación e Cultura e a Conferencia Episcopal Española subscribiron o Acordo de Colaboración para o Plan Nacional de Catedrais que obrigan aos poderes públicos á protección do patrimonio histórico e artístico dos pobos de España. Este convenio foi subscrito de novo o 26 de novembro
de 2006 para o desenvolvemento do Plan establecendo a lista de catedrais que, atendendo ao seu estado de conservación necesitan unha intervención prioritaria.
O 21 de xullo de 2006 a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Cabido da Santa Igrexa Catedral de Santiago subscribiron un novo convenio marco de colaboración para o período 2006-2012
cunha colaboración económica por un importe máximo de 3.000.000 euros. O 26 de xullo de 2007 comprometéronse dous convenios de desenvolvemento do citado convenio onde se especificaban as condicións das actuacións no Pórtico da Gloria e das pinturas murais da bóveda da Capela Maior.