Inicio  >  Empresa  >  Mar

Investigadores de seis institucións, entre as que se atopa o CETMAR, promoven un novo proxecto europeo para axudar ás frotas a reducir os descartes e os residuos a bordo

redacción GECG - 18/2/2010
Investigadores de seis institucións, entre as que se atopa o CETMAR, promoven un novo proxecto europeo para axudar ás frotas a reducir os descartes e os residuos a bordo
“FAROS” é unha iniciativa liderada polo Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e desenvolvida por un consorcio do que, xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar, forman parte o Instituto Español de Oceanografía (IEO); a Autoridade Portuaria de Vigo; o Centro de Supercomputación de Galicia e o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar (IPIMAR) de Portugal. XUNTA.

O Centro Tecnolóxico do Mar acolleu hoxe a reunión de lanzamento dun novo proxecto europeo que ten como obxectivo axudar as frotas a cumprir as políticas da Unión Europea denominadas de “non descartes” ou “cero residuos”. Durante os vindeiros tres anos, a Fundación CETMAR formará parte dun consorcio que, coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e coa participación do Instituto Español de Oceanografía, a Autoridade Portuaria de Vigo, o Centro de Supercomputación de Galicia e o Instituto de Investigaçao das Pescas e do Mar de Portugal, traballará no desenvolvemento e aplicación dunha rede de xestión eficaz e integral dos descartes e das capturas incidentais.

Representantes de tódolos socios do proxecto “FAROS” -Integral Networking of Fishing Sector Actors to organize a Responsible, Optimal and Sustainable Exploitation of. Marine Resources- xuntáronse hoxe na sede da Fundación CETMAR en Vigo nunha primeira reunión de traballo que serviu para planificar as tarefas a desenvolver no futuro. A iniciativa, financiada a través do programa Life+ da UE, conta cun presuposto de 2,1 millóns de euros.

Entre os obxectivos deste proxecto, que se prolongará ata xaneiro de 2013, están o reducir as capturas accesorias non desexadas a través dun mellor coñecemento do comportamento dos peixes; desenvolver unha completa caracterización dos descartes nas flotas seleccionadas baseada nas ferramentas en tempo real de análise, clasificación e captura de datos; definir protocolos de actuación para reducir os descartes nese novo escenario e, finalmente, crear unha rede supervisora que permita unha xestión integral e eficaz dos descartes baseada nos fluxos de información entre as flotas e os axentes en terra.

“FAROS” pretende englobar nesta nova rede a tódolos actores presentes no sector da pesca -frotas, portos, lonxas, industrias procesadoras e valorizadoras, etc.- a fin de minimizar os descartes, as capturas incidentais e os subprodutos da pesca e valorizar os que se xeren, a fin de recuperalos e producir compostos químicos de interese e de alto valor engadido na alimentación e na industria farmacéutica.

As tecnoloxías de valorización xa quedaron definidas nun anterior proxecto Life+ denominado BE-FAIR (www.befairproject.com) no que tamén participaron o CETMAR, o IIM-CSIC, a Autoridade Portuaria de Vigo e IPIMAR xunto con Hermanos Rodríguez Gómez, S.L., Espaderos del Atlántico S.A. e o IFREMER de Francia. Coa utilización das devanditas tecnoloxías dáse resposta ás directrices marcadas pola Comisión Europea enfocadas á xestión responsable e sostible da actividade pesqueira.

 
Buscar en GECG
Sobre esta información...
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com