Inicio  >  Galicia  >  Economía

Economía e Industria colabora coa Deputación de Ourense na instalación dun sistema de caldeiras de biomasa en diferentes edificios do organismo provincial, cunha achega máxima de 104.400 euros

redacción GECG - 17/2/2010

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), financiará a instalación dun sistema de caldeiras de biomasa, cunha potencia total de 1.000 kW, en diferentes edificios e instalacións da Deputación de Ourense, uns de carácter administrativo e outros que prestan servizos culturais, lúdicos e deportivos aos cidadáns, a fin de reducir o consumo de enerxías nestes inmobles. A devandita instalación, que será financiada polo Inega cunha achega máxima de 104.400 euros a fondo perdido, servirá en todos os casos para o abastecemento do sistema de calefacción e auga quente sanitaria en varias edificacións dependentes da Deputación.

Concretamente, desenvolveranse as seguintes actuacións: a instalación dunha caldeira de biomasa no Centro Cultural (Ourense) dun mínimo de 350 kW; a instalación dunha caldeira de biomasa no Pazo de Vilamarín (Vilamarín) cunha potencia mínima de 125 kW; a instalación dunha caldeira de biomasa no Taller de Maquinaria da Deputación de Ourense (Ourense) dun mínimo de 275 kW e por último, a instalación dunha cuarta caldeira de biomasa no Polideportivo Paco Paz (Ourense) dun mínimo de 250 kW.

O director do ente adscrito á Consellería de Economía e Industria, Eliseo Diéguez, asinou un convenio de colaboración co presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Luis Baltar Pumar, polo que o Inega poñerá ata un 30% do custe elixible desta actuación, coa que se trata de incentivar o uso das enerxías renovables nas instalacións do organismo provincial, potenciando ao mesmo tempo a eficiencia enerxética e propiciando unha redución do consumo de enerxía.

A Deputación de Ourense comprométese a facer figurar a imaxe corporativa do Inega e do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía) en toda a documentación que requira o desenvolvemento do convenio, que establece que o remate da instalación e a súa posta en funcionamento deberá efectuarse antes do 15 de setembro. Unha comisión de seguimento, composta por un representante do Inega e outro da Deputación, controlará a marcha dos traballos.

Aforro económico e enerxético

A instalación das caldeiras de biomasa cuxa produción asociada se estima nuns 1.250 Mwh, posibilitará a redución de custes económicos e enerxéticos, cuantificados nuns 60.000 euros anuais e ademais evitará á emisión á atmosfera de preto de 400 toneladas de CO2.

Esta actuación enmárcase no convenio que o Inega ten co IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) para a posta en práctica de actuacións de apoio á utilización das enerxías renovables no marco do Plan de Enerxías Renovables (PER) 2005-2010.

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Consultoria Empresarial
pulse aquí para descargar PDF
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com