O Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, vén de emitir o informe estatístico global de 2009. O informe revela que o maior incremento de viaxeiros foi nos apartamentos turísticos, cun 10,5% máis respecto ao 2008, seguido do turismo rural, cun 8,2%, do número de peregrinos, cun 7,6% e dos acampamentos, cun 1,4%. O único balance negativo foi para os hoteis, que baixaron un 3,8%. Así e todo, cabe sinalar que este descenso hoteleiro galego é inferior á media nacional, e que a recuperación do segundo semestre amortiguou en gran parte a moito maior caída do primeiro.
Acampamentos turísticos
No caso dos cámpings, segundo os datos oficiais do INE analizados polo Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, a comunidade rexistrou o pasado ano un total de 219.086 viaxeiros aloxados en campamentos turísticos, o 3,5% do total de España. Este volume supón un incremento do 1,4% respecto do valor rexistrado en 2008, comportamento que ademais rompe cunha serie de tres anos consecutivos con caídas no volume de viaxeiros.
O crecemento no volume de viaxeiros tradúcese neste caso nun incremento aínda superior nas pernoitas. En particular, no ano 2009 rexistráronse un total de 852.237 pernoitas en campamentos turísticos de Galicia, cifra que medrou un 4% en relación ao 2008.
A estadía media nos cámpings de Galicia foi de 3,89 noites, valor que supón un incremento leve do 2,6% respecto do 2008. Trátase da cifra máis elevada dos últimos seis anos.
A taxa de ocupación media por parcela en Galicia foi do 21,5% durante 2009, cifra que supón un incremento de 1,1 puntos porcentuais respecto do valor de 2008. Este incremento supón un cambio de tendencia respecto do observado nos tres anos anteriores onde se rexistraron caídas consecutivas da taxa de ocupación.
Os valores máis elevados corresponden ao período estival, e concretamente os meses de xullo e agosto, cando a cifra de ocupación acada o 31 e o 40%, respectivamente. En termos dinámicos, e agás nos dous primeiros meses do ano, obsérvanse incrementos sucesivos en termos interanuais nas cifras de ocupación mensual.
Apartamentos turísticos
Galicia rexistrou durante o 2009 un total de 48.011 viaxeiros aloxados en apartamentos turísticos da comunidade, que xeraron un total de 213.497 pernoitas. Estas cifras son as máis elevadas de toda a década, e supoñen ademais un incremento do 10,5% e 5,9% respecto do ano 2008. No conxunto de España tanto a cifra de viaxeiros como de pernoitas caeron nun 7,7% en un 13,8%, respectivamente.
O 60% das pernoitas rexistráronse no período estival, sendo agosto o mes de maior afluencia turística, cun total de 63.027, o 30% do global do ano. Abril, o período xuño-outubro e o mes de decembro son os períodos onde se rexistran incrementos porcentuais respecto dos valores de 2008.
Hoteis
O único apartado que rexistrou cifras negativas foi o relacionado cos viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros. En 2009 contabilizouse un total de 3.398.517 viaxeiros aloxados neste tipo de establecementos, un 3,8% menos que o ano anterior. Cabe sinalar que este descenso foi moi inferior á media nacional, que rexistrou un descenso do 6,6%, tanto no caso do número de viaxeiros aloxados como nas pernoitas.
No caso galego a recuperación do segundo semestre amortiguou en gran parte a forte caída do primeiro.
Os meses de abril, agosto, setembro e outubro rexistraron incrementos porcentuais positivos, o que evidencia o cambio positivo de tendencia que se produciu no segundo semestre do ano, amortiguando dalgunha maneira o forte descenso observado na primeira parte do ano.
En canto ao grao de ocupación hoteleira, que se situou no 32,37%, cómpre destacar que agosto foi o mes que rexistrou un mellor comportamento, acadando o nivel máis alto do ano, cun 56,21%, unha cifra que logrou manterse case nos mesmos termos que no mesmo período do ano anterior.
Turismo rural
En canto aos viaxeiros aloxados en establecementos de turismo rural rexistráronse 177.042, un 8,2% máis que no ano anterior, segundo as análises do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia.
O volume total de viaxeiros rexistrado en 2009 é o máis elevado dos últimos 10 anos. O mes de agosto é no que se rexistra a maior afluencia de viaxeiros en turismo rural de Galicia.
O incremento global de viaxeiros traduciuse tamén nun aumento das pernoitas. Rexistráronse un total de 368.234, un 1,1% máis que en 2008. A pequena suba das pernoitas coloca o dato de 2009 no segundo mellor dos últimos dez anos. Só en agosto se rexistraron o 28% das pernoitas do ano.
Peregrinos
Segundo os datos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, o volume de pernoitas nos albergues de peregrinos situados no Camiño de Santiago ascendeu en 2009 a un total de 331.965, cifra que supón un incremento do 7,6% respecto de 2008. A suba no volume de pernoitas é unha característica que se observa en practicamente todos os tramos do Camiño, oscilando as porcentaxes de variación desde o 4,7% no tramo francés a niveis do 50% no inglés, froito dos baixos niveis iniciais.
O maior volume de pernoitas concéntrase no período estival, concretamente nos meses de xullo e agosto, que acumulan algo máis de 120.000 pernoitas, o 36,3% do total.
O 70% das pernoitas rexístranse no Camiño Francés, onde se localizan a maior parte dos albergues e onde está o maior volume de peregrinos. O 30% restante repártese nos restantes tramos, destacando o Camiño Portugués co 8,5% e a Vía da Prata, co 7,2%.
A Oficina do Peregrino rexistrou, pola súa banda, un total de 145.877 peregrinos, cifra que se incrementou nun 16,6% en relación ao 2008. Este comportamento positivo obsérvase practicamente en todos os meses do ano.
O incremento rexistrado no ano 2009 coloca o dato de peregrinos no máis elevado dos últimos anos, exceptuando os propios anos xacobeos.