O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu hoxe, durante a súa intervención no acto de sinatura do Acordo de Xestión Sanitaria 2010, o esforzo do seu Goberno para seguir “priorizando as patoloxías máis graves e seguir diminuíndo os tempos de espera das graves”. “Imos a asumir un dobre compromiso: que as patoloxías más graves sigan por debaixo dos 30 días para ser atendidas, e que as patoloxías graves sexan atendidas nun máximo de 60 días”, destacou.
“Con insto –proseguiu Feijóo- acadaríamos unha redución do 30% nas listas de espera dos pacientes moi graves, e unha redución do 20% na lista de espera de patoloxías graves”.
Nesta liña, o mandatario galego recordou que, “por primeira vez desde o ano 2003”, ano no que se aprobou a normativa en España, “o Servizo Galego de Saúde cumpre o compromiso de que as patoloxías moi graves se atendan por debaixo dos 30 días, concretamente, en 28 días”.
Este dobre compromiso é a primeira doutras cinco metas fixadas polo titular da Xunta para o Servizo Galego de Saúde neste ano 2010. Así, explicou Feijóo, “o segundo compromiso se refire a facilitar o diagnóstico e o tratamento dos pacientes”. O obxectivo é que “o 85% dos pacientes teñan a súa historia clínica informatizada, para poder acceder dende os centros de saúde a totalidade da mesma” e consultar “todos os apuntes que teña dende o punto de vista hospitalario”.
En terceiro lugar, Feijóo avogou por “seguir incrementando as infraestruturas hospitalarias, a súa potencialidade tecnolóxica e cirúrxica”. Para ilo, fixou un incremento do “rendemento cirúrxico do 63% actual ao 75% no 2010, cunha mellora de 12 puntos”.
“O cuarto obxectivo –proseguiu Feijóo- se refire ao gasto farmacéutico. O 85% das receitas que prescriba o Servizo Galego de Saúde teñen que estalo de forma electrónica, facilitando a labor do médico, a do farmacéutico, e permitindo que o paciente reciba o medicamento que precisa no menor tempo posible”.
Así mesmo, e dentro desta cuarta meta, o presidente galego avogou, tamén, por “incrementar a prescrición de xenéricos do 11% ao 14%”, feito que suporá “manter a calidade farmacéutica e mellorar a racionalización do gasto para investilo en máis sanidade e en máis infraestruturas”.
Por último, Feijóo apostou por “seguir incrementado a capacidade diagnóstica na atención primaria” co fin de “non derivar aos hospitais” aqueles pacientes “que poden ser atendido nos ámbitos dos centros de saúde”.
“Más transparente, máis eficaz e máis eficiente”
Por outra banda, Núñez Feijóo quixo resaltar a importancia de traballar nunha xestión “máis transparente, máis eficaz e máis eficiente”. “Para ser máis transparente é necesario que todos os que están pendentes de recibir asistencia sanitaria estean nos rexistros dos hospitais e dos centros de saúde”, explicou.
Así mesmo, Feijóo resaltou a necesidade de axustar “o presuposto dispoñible” á “maior eficiencia posible”, lembrando que “cando o actual equipo directivo tomou posesión, había unha previsión de desviación do Servizo Galego de Saúde de máis de 400 millóns de euros, que non estaban presupostados”, e que “despois dun esforzo de racionalización do gasto sanitaria” a desviación reduciuse á metade acadándose “unha desviación de 230 millóns de euros”.
“Ser máis eficaz –apuntou Feijóo- supón acomodar a lista de espera ás persoas” para conseguir que quen espera “cunha patoloxía máis grave” teña prioridade na atención. Ademais, a eficacia pasa tamén por “ter as cousas claras e priorizar” ao tempo que se axilizan “os procesos de diagnóstico, tratamento e resolución das patoloxía máis graves”.
E en terceiro lugar, o mandatario galego resaltou que a eficiencia pasa por ser consciente de “que non se teñen todos os compromisos cumpridos, que existen aínda problemas no sistema”, para así poder “asumir retos de mellora continua estando á altura dos pacientes”.
“Nesto consiste –remarcou Feijóo- o contido e o alcance do contrato do Acordo de Xestión que se acaba de formalizar. Asumimos un contrato social para corresponsabilizarnos na mellora continua da atención sanitaria. Asumimos un contrato social para corresponsabilizarnos no esforzo colectivo que temos que facer xunto cos 35.000 profesionais do Servizo Galego de Saúde por mellorar a calidade, por mellora a accesibilidade, e por diminuír o tempo de espera nos hospitais e nos centros de Atención Primaria”.
Un compromiso social
Por último, Núñez Feijóo quixo lembrar que “son os cidadáns os propietarios desta gran industria pública sanitaria para a que a Xunta de Galicia destina máis dun 30% do orzamento do ano 2010”. Neste sentido, o mandatario galego apuntou que “o compromiso para facer fronte a crise económica pasa por un compromiso coa sanidade pública”, dado que “unha política sanitaria eficiente supón menos gasto en incapacidade temporal, en pensións por invalidez” e unha maior “competitividade da economía e da eficacia e produtividade das empresas”.
Así, Feijóo recordou a aposta da Xunta por “dar un impulso notable as infraestruturas hospitalarias”. “Por primeira vez na historia do Servizo Galego de Saúde –explicou- imos poñer en funcionamento e construír tres novos hospitais simultaneamente, feito que supón que, por primeira vez, o Servizo Galego de Saúde vai por a disposición de todos os galegos o 50% de camas novas”. Así, apuntou Feijóo, “estanse instalando 3.000 camas”, cifra que implica a metade do total de camas hospitalarias galegas.
Ademais, o titular da Xunta apuntou as diferentes infraestruturas que o seu Goberno ten xa en marcha. “Temos o compromiso de licitar de forma inmediata o gran hospital de Galicia que imos construír na área sanitaria de Vigo. Temos o compromiso de superar a reforma dun vello hospital, o de Montecelo, por un novo hospital para a área sanitaria de Pontevedra. E temos o compromiso de poñer a funcionar un edificio baleiro, converténdoo no hospital de Lugo. Todo de forma simultánea, como os plans directores do hospital da Coruña e as obras pendentes dos hospitais de Ourense e de Ferrol. E todo isto con máis de 13 millóns de investimento nos centros de Atención Primaria”, concluíu.