O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, reclamou hoxe en Madrid que a nova Política Agraria Común (PAC) se dote de suficientes mecanismos para garantir unha xestión eficaz dos mercados e que funcione, na práctica, como unha verdadeira “rede de seguridade” que permita a agricultores e gandeiros dispor dunha marxe mínima para poder producir.
Juárez Casado demandou tamén, no marco da Conferencia Sectorial (xuntanza dos máximos responsables autonómicos e representantes do Ministerio competente nunha materia), que se establezan mecanismos adicionais aos clásicos e un reforzo dos existentes na propia PAC, porque na actualidade non se dá –advertiu– unha verdadeira contención dos prezos. O titular de Medio Rural avogou, neste mesmo sentido, porque a Presidencia Española da Unión Europea sirva para introducir cambios na Organización Común de Mercados (OCM) antes do 2013 (ano de finalización da vixencia da actual PAC), para evitar caídas dos prezos do leite como os rexistrados nos últimos meses.
Contratos homologados
Como mecanismo para evitar caídas tan marcadas dos prezos, Samuel Juárez defendeu a posta en marcha de mecanismos que propicien a implantación masiva de contratos homologados.
Tras un encontro posterior co presidente da Comisión Nacional da Competencia –que recibiu aos representantes das comunidades autónomas–, o conselleiro advertiu que a administración encargada de regular a competencia está poñendo demasiado celo en evitar a concertación de prezos entre os produtores, pero pouco empeño en controlar outras prácticas de reparto real do mercado ou mesmo de abuso de posición dominante, por parte doutros axentes da cadea de valor do leite.
Capacidade de negociación
Samuel Juárez reclamou tamén que se avance no deseño e elaboración de propostas para que se dote ao sector agrario de certa forza de negociación que polo de agora non tivo. Neste mesmo sentido, amosouse partidario de que, baixo certos supostos, os produtores deberían ter unha determinada capacidade de “negociación colectiva” dos prezos e que se defina en que marco se podería facer efectiva.