Inicio  >  Galicia  >  Economía

A Xunta presenta no diálogo social medidas de todas as consellerías para paliar os efectos da crise nos distintos sectores

redacción GECG - 14/2/2010

A Xunta de Galicia vén de presentar un documento base, no marco do diálogo social, con medidas propostas por todas as consellerías co fin de atallar os efectos da crise nos distintos sectores da economía galega. De feito, estas actuacións foron presentadas aos axentes sociais e económicos en tres das catro mesas sectoriais constituídas ao abeiro deste proceso, estando prevista a xuntanza da cuarta das mesas na vindeira semana.

O proceso de diálogo social é unha aposta do actual executivo da Xunta de Galicia por establecer un proceso de concertación en prol do desenvolvemento social e económico da nosa Comunidade Autónoma, co obxectivo de recuperar a senda de crecemento da economía real e mellorar os niveis de benestar e cohesión social de Galicia. O seu fin é tamén dar resposta ao cambio de coxuntura económica, traballando na creación de emprego e en frear a súa destrucción, favorecendo a competitividade e productividade dos diferentes sectores, clave do noso tecido produtivo. En definitiva, trátase de establecer de xeito coordinado plans e políticas de actuación que redunden na mellora da situación dos galegos e galegas.

Así, ao longo desta semana reuníronse os responsables da mesa de emprego e relacións laborais; de competitividade empresarial e innovación; e de infraestruturas e desenvolvemento sostible, estando prevista para a próxima semana a mesa de políticas de benestar e cohesión social. En todas elas, presentouse unha batería de medidas que implican aos distintos departamentos e que benefician aos distintos sectores e colectivos, establecendo prioridades temáticas para abordar nas seguintes mesas cun documento específico sobre cada unha das áreas a tratar.

No caso de emprego e relacións laborais, os eixos básicos de traballo pasan polo fomento das políticas activas de emprego, pola conciliación da vida laboral e familiar, así como o ámbito das relacións laborais, sen esquecer –entre outros temas- a prevención de riscos laborais, ou a igualdade entre homes e mulleres.

Polo que se refire á competitividade empresarial e innovación, as principais liñas de traballo que propuxo a Administración autonómica son o desenvolvemento do tecido empresarial, as liñas de financiamento ou a disposición do solo industrial. A isto súmaselle o interese pola internacionalización, simplificación administrativa e aposta polo I+D+I, entre outros eixos de traballo.

Por outra parte, na mesa de infraestruturas e desenvolvemento sostible, púxose enriba da mesa como asuntos principais o desenvolvemento de infraestruturas, mobilidade, ordenación e articulación territorial e a vivenda.

Por último, na última mesa, que abrangue os temas de benestar social, estudaranse medidas relacionadas coa inclusión e a protección social, a educación, a sanidade e a dependencia.

En concreto, abordaranse accións de impulso da atención á dependencia, a protección dos menores, medidas de apoio aos mozos e mozas galegos ou a inclusión social de colectivos en situación de grave pobreza.

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Consultoria Empresarial
pulse aquí para descargar PDF
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com