Esta cifra indica que a frecuentación dos cidadás desta área sanitaria, cun total de 580.000 TIS (tarxetas sanitarias), á atención primaria é de 9, 6 veces ao ano.
Así, durante o 2009, as consultas realizadas en actividade ordinaria foron 4,799.822, mentres que as consultas urxentes, realizadas nos Puntos de Atencións Continuada -PACs – ascenderon a 380.0000.
Incremento de actividade
No referido ás consultas ordinarias, as 4,7 millóns de consultas contabilizadas indican que os profesionais realizaron no pasado ano, 92.568 máis que o ano anterior, cifra que supón un incremento porcentual dun 2 por cento.
Desglosado por colectivos profesionais, os 377 médicos xerais da área atenderon a un total de 3.234.108 consultas; cifra que supón unha presión asistencial media de 41, 30 consultas diarias.
En canto á atención pediátrica, os 75 pediatras que traballan nos centros de saúde de Vigo e comarca realizaron 439.005 atencións; un promedio de 28,4 consultas pediátricas diarias.
Polo que respecta aos 460 profesionais da enfermería, tanto os DUE como auxiliares, rexistraron 1,126.714 actuacións sanitarias, o que é o mesmo, cada profesional de enfermería realizou un promedio de 14,09 atencións ao dia. Ademais, a esta cifra de actuacións sanitarias directas, hai que engadirlle os máis de 500.000 procesamentos de mostras biolóxicas anuais, como as extraccións para análise, realizadas nas salas específicas dos centros de saúde.
Puntos de Atención Continuada
Con respecto aos PACs da área sanitaria, durante o pasado ano os 10 dispositivos de atención á Urxencia Extrahospitalaria dispoñibles nos centros de saúde rexistraron preto de 380.000 asistencias urxentes. Só o PAC da cidade de Vigo, que conta con dúas cabeceiras, na R/Bolivia e en Coia, contabilizou 139.270 atencións, o que supón unha media de 250 urxencias diarias.
Obxectivos para este ano
Unha das actuacións fundamentais da xerencia de Atención Primaria da área de Vigo a desenvolver nos próximos meses, no marco dos obxectivos do Sergas para o 2010 de xestión integrada da área, vai ser impulsar a xestión por procesos en determinadas patoloxías, en concreto no paciente diabético. Trátase de incrementar a calidade da atención ofertada, tanto no referido ao diagnóstico como a continuidade dos coidados, para que, en cada fase do seu proceso, o paciente sexa atendido realmente onde lle corresponda, no ámbito da primaria ou no hospitalario.
Paralelamente, en coordinación co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e con Povisa, vanse implementar as “vías rápidas de atención”. Este ano iniciaranse 4 vías rápidas para a atención de pacientes con sospeita de patoloxía maligna de mama, colon, pulmón e próstata. O obxectivo e facilitar o acceso inmediato ás probas, para acurtar tempos e axilizar un diagnóstico precoz que permita iniciar o tratamento indicado na maior brevidade posible.
Ademais, para incrementar a capacidade resolutiva deste nivel asistencial e evitar as derivacións innecesarias á atención especializada, se facilitarán aos profesionais as ferramentas necesarias, tanto de formación como de equipamentos, para continuar estendendo programas e actividades preventivas como o das citoloxías. Así mesmo, se incrementará á dotación aos centros da tecnoloxía necesaria para que os profesionais realicen técnicas diagnósticas como ecografia, espirometría, teledermatoloxía, dermatoscopia, monitorización da presión arterial, doppler e retinografía, que redundan nun incremento da carteira de servizos
Outro dos obxectivos para o 2010 será o de completar a implantación da historia clínica electrónica e a receita electrónica en toda a área sanitaria.