O obxectivo destes premios é facer un recoñecemento público á dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzando aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo. Con eles, a administración educativa quere ademais xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.
Probas de rendemento
Para recibir estes premios, os aspirantes debían ter superado no curso 2008-2009 o cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria, no réxime ordinario, en calquera centro educativo de Galicia. Ademais, os alumnos e alumnas candidatos aos galardóns ao rendemento deben contar cunha media académica igual ou superior a 9 puntos, calculada como media aritmética das cualificacións en todas as materias dos catro cursos da etapa.
Para demostrar os seus coñecementos e optar á obtención do premio ao rendemento, o alumnado someteuse a unha proba estruturada en dúas partes, na que se valorou os obxectivos e as competencias básicas acadadas. Deste modo, os candidatos tiveron que mostrar a través de diversas preguntas o grao de consecución das competencias social e cidadá, en comunicación lingüística e matemática.
A primeira parte da proba constou de diversas cuestións referidas ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira. Na segunda parte o alumnado respondeu a cuestións relacionadas con ciencias sociais, xeografía e historia e matemáticas; ademais de unha a escoller, entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía ou latín. Todas as materias das que foron preguntados os estudantes forman parte do currículo de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria e, como mínimo, os participantes tiveron que acadar unha cualificación de cinco puntos en cada unha delas.
Apoio á superación
Os premios ao esforzo e superación persoal están dirixidos ao alumnado que procede de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos que supoñan unha desvantaxe manifesta para conseguir rematar os seus estudos, ou limitacións no acceso e permanencia na escolaridade.
Ademais, poden acollerse a esta convocatoria os estudantes chegados do estranxeiro con incorporación tardía ao sistema educativo galego ou con limitación no dominio do idioma no que se imparte o currículo; así como aqueles en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar.
Neste caso, os candidatos non deben superar unha proba específica para obter o premio, senón que son os propios centros educativos, a través dunha comisión constituída ao efecto, quen presenten candidatos aos premios extraordinarios diante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión é a encargada de informar do perfil do alumnado que solicita participar nesta modalidade do premio, tendo en conta o esforzo persoal realizado e as súas dificultades persoais, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural. Deste xeito, ademais deste informe, deben adxuntar á solicitude unha certificación académica dos estudos obxecto de baremo, onde se reflicta a cualificación final media. Así mesmo, é preciso que expoñan as medidas de apoio adoptadas polo centro educativo, e o grao de consecución das competencias e dos obxectivos da etapa e a persistencia no seu logro, valorando neste punto de xeito especial o seu esforzo persoal.
Ensino de calidade e integrador
Con estes premios, a Consellería de Educación e Caixanova seguen a dar pulo á educación de calidade en Galicia, co obxectivo de conseguir un sistema de ensino baseado na responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal. Ademais, foméntase o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe e a confiar nas súas aptitudes e coñecementos, na súa creatividade, iniciativa persoal e espírito emprendedor.
Do mesmo xeito, os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico responden á importancia de recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais dos alumnos e alumnas dos niveis da educación básica, de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrador.