Inicio  >  Sociedad  >  Salud

Arredor de 700 expertos reuniranse en Santiago para estudar a prevención e xestión das enfermidades crónicas

redacción GECG - 13/2/2010

Uns 700 expertos de toda España reuniranse no Pazo de Congresos de Santiago os días 25 e 26 de febreiro para debater sobre os cambios estruturais aos que se ven obrigados os sistemas de saúde debido ao incremento das enfermidades crónicas no II Congreso Nacional de Atención Sanitaria ao Paciente Crónico. Nel, farase unha posta en común sobre o impacto que as enfermidades crónicas teñen na calidade de vida dos individuos e familias, así como sobre os seus custes asociados.

As enfermidades crónicas -como a diabetes, a artrite, enfermidades respiratorias, insuficiencia cardíaca, hipertensión, obesidade e certas patoloxías de saúde mental ou de patoloxía oncolóxica- teñen experimentado un aumento espectacular en España. Son a principal causa de mortalidade e morbilidade, e supoñen un 70% do gasto sanitario: o 80% das consultas de Atención Primaria e o 60% dos episodios de hospitalización débense a elas.

O Congreso pretende consolidar un foro de participación no que compartir e analizar desde unha óptica multidisciplinar todos aqueles aspectos que axuden a conseguir o obxectivo e darlle pulo a un cambio para adecuar o modelo sanitario ás necesidades actuais. Ata o momento téñense recollidas 320 comunicacións -tanto orais coma póster-, a maioría delas –o 37%- de profesionais de Galicia, Cataluña, Andalucía, Madrid e Castela-León.

Esta iniciativa está organizada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, o Servizo Galego de Saúde, a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) e o Instituto Vasco de Innovación Sanitaria. Leva por lema Camiñando xuntos para mellorar os coidados do paciente, e a súa páxina web é http://www.cronicoscompostela2010.org.

Atención das enfermidades crónicas
O II Congreso Nacional de Atención Sanitaria ao Paciente Crónico está dirixido a directivos e profesionais dos departamentos rexionais de saúde, xerentes, responsables de servizos ou unidades de xestión, profesionais da saúde, responsables do sector privado, traballadores do sistema sociosanitario, profesionais municipais, pacientes crónicos e investigadores clínicos. Estes abordarán, por primeira vez en Galicia e de forma integrada, un dos principais retos dos sistemas sanitarios públicos e privados de todo o mundo durante as próximas décadas.

O incremento da esperanza de vida ao longo do século pasado e os propios avances das ciencias biomédicas con técnicas, fármacos e procedementos novos, ocasionan consecuencias para as que os sistemas de saúde deben prepararse, como o rápido crecemento na prevalenza de enfermidades crónicas e incurables, que son o principal reto ao que deben enfrontarse as políticas de saúde do século XXI.

Así, segue a aumentar -de maneira significativa e a nivel mundial- o número de persoas que sofren patoloxías crónicas, cunha importante porcentaxe que padece máis dunha patoloxía. Neste sentido, cómpre sinalar que, se ben por definición as enfermidades crónicas non se curan, se se coidan e se xestionan eficazmente a vida de moitos pacientes pode ser practicamente normal.

Por iso, cada comunidade e entorno local deben buscar o modelo organizativo de xestión de enfermidades crónicas máis axeitado ás súas necesidades, xa que non existe un único que sexa aplicable a todos, aínda que, como elemento común, todos deban ter ao paciente como elemento central. Ademais, todo sistema debe desenvolver vías para a procura da sensibilización destes pacientes, así como vías máis efectivas de educación terapéutica e novas ferramentas orientadas a apoialos ao longo do seu proceso de cronicidade.

Polo tanto, a través deste congreso preténdese dunha banda expor as innovacións e as experiencias para avanzar con éxito neste eido e, doutra, analizar a xestión do cambio e as ferramentas para avanzar de forma colaborativa tanto no eido da provisión de servizos como no eido directivo e de toma de decisións das políticas de saúde.

Nel, haberá presentacións de expertos nacionais e internacionais, debates e mesas redondas, posibilidades de compartir experiencias e establecer contactos e ferramentas de axuda para orientar o cambio cara un novo modelo. No seu transcurso estudarase o novo papel dos clínicos ante o paciente crónico; compartiranse experiencias de atención a pacientes pluripatolóxicos, de como involucrar ao paciente, de integración asistencial e de telecoidados; e definiranse modelos sociosanitarios e o papel das entidades locais e da comunidade.

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com