Inicio  >  Galicia  >  Mar

Mar traballa na celebración dunhas xornadas de comercialización na que o sector marisqueiro terá un papel destacado

redacción GECG - 13/2/2010

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presentou as conclusións obtidas do “VI Encontro de mariscadoras a pé, facendo camiño”, que se celebrou esta semana en Santiago e que reuniu a máis dun cento de profesionais do sector. Rodríguez destacou o labor de recuperación destas xornadas ao detectar que se trata dun sector “que nos últimos anos escapaba das prioridades do anterior Goberno”.

“Estamos ante un sector que demostra a súa maioría de idade e como tal o imos tratar”, aseverou. “Imos ter en conta as súas especificidades, escoitando as súas prioridades e nesa liña imos traballar”, comentou Susana Rodríguez tras insistir en que as peticións formuladas polo sector van ser tidas en conta “aquí en Europa”. Estamos traballando para que se recoñezan as especificidades do marisqueo, a acuicultura e maila pesca na Política Pesqueira Común e así o estamos facendo ver cos diversos encontros mantidos cos máximos responsables na Unión Europea en materia pesqueira.

A responsable do Desenvolvemento Pesqueiro considera que, con estas xornadas, se acadou o obxectivo do encontro, “que era extraer conclusións útiles que nos sirvan para traballar en harmonía co sector” e, ao respecto, subliñou que “a Xunta terá en conta as peticións dos profesionais do mar no desenvolvemento das medidas que afecten ao marisqueo”.

Segundo explicou a directora xeral, no encontro, no que participaron máis dun cento de mariscadoras, promoveuse o debate interno a través de charlas, conferencias e talleres nos que se abordaron os principais problemas que afectan ao sector a nivel organizativo, sobre comercialización, permisos de explotación e xestión dos recursos.

No relativo á xestión do recurso, a Consellería do Mar vai pór en marcha un plan de recuperación de zonas improductivas, que requirirá un labor exhaustivo de análise e estudo de cada ría. A responsable de Desenvolvemento Pesqueiro dixo que “o plan se dará a coñecer máis en profundidade nas vindeiras datas”. A este respecto o sector destacou a utilidade do plan de explotación como ferramenta de xestión.

En canto aos permisos de explotación, Susana Rodríguez explicou que as mariscadoras fixeron unha serie de propostas “que serán debatidas para a súa incorporación ou cambio cando se modifique a súa regulamentación”. Neste sentido, a directora xeral recalcou que “haberá que ter en conta diversos aspectos, como o estado do recurso, a evolución dos ingresos, a organización e as vacantes existentes para a concesión de novos permisos” e engadiu que a Consellería do Mar terá en conta as propostas feitas polas profesionais do mar para a modificación do baremos de acceso ao pérmex.

A directora xeral incidiu en que no tocante á organización, no encontro se acordou que “se lle dará máxima prioridade ao plan de explotación como ferramenta de traballo eficaz e racional para a explotación dos recursos”, e engadiu que “a Consellería estudará formulas para potenciar a xestión dos recursos e na procura de medidas que lles permitan ás mariscadoras dispor dos fondos de capitalización directamente”.

En materia de comercialización, a Consellería do Mar ofreceu posibles solucións á principal preocupación que lle espuxo o colectivo: o baixo prezo do marisco na primeira venda. Así, o departamento que dirixe Rosa Quintana comprometeuse a tomar medidas para potenciar a posta en valor do produto galego “fronte aos nosos competidores” e incluso baralla a posibilidade de crear unha marca única de identificación do marisco. Susana Rodríguez avanzou que as vindeiras xornadas de comercialización que ten previsto organizar a Consellería servirán para sentar as bases da futura comercialización e que, dentro delas, “o sector marisqueiro terá un lugar destacado”.

Na súa intervención, Susana Rodríguez, recalcou que a Consellería do Mar fomentará as sinerxías entre os proxectos innovadores do sector pesqueiro ao abeiro dos Grupos de Acción Costeira. Neste sentido, referiuse ás xornadas celebradas o pasado mércores en Santigo baixo o título “O desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do fondo europeo de pesca”, nas que a Consellería do Mar reuniu en Santiago aos responsables dos sete GACs e a membros da Unión Europea para profundizar no desenvolvemento sostible das zonas de pesca.

Rodríguez incidiu en que a finalidade do evento era que todos aqueles implicados na dinamización da costa galega se beneficien do Eixo 4 do Fondo Europeo da pesca, orientado ao desenvolvemento social, económico e ambiental das zonas do litoral. Nestas xornadas os asistentes puideron coñecer todas as posibilidades que ofrece o Eixo 4 así como as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento.

A directora xeral considera que estas xornadas serviron ademais para promover a colaboración entre todos os axentes implicados na revitalización das zonas pesqueiras, un dos aspectos nos que seguirá facendo fincapé o departamento que dirixe Rosa Quintana.

 
Buscar en GECG
Sobre esta información...
Audio A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Consultoria Empresarial
pulse aquí para descargar PDF
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com