Inicio  >  Galicia  >  Laboral

Preto de 1.000 persoas realizarán ao redor de 4.400 probas en competencias clave para poder acceder aos certificados de profesionalidade

redacción GECG - 13/2/2010

Un total de 977 persoas solicitaron participar nas avaliacións en competencias clave, organizadas pola Consellería de Traballo e Benestar, para permitir acceder ás persoas sen titulación á formación para o emprego asociada aos certificados de profesionalidade. En total, realizaranse 4.343 probas, xa que cada solicitante podíase apuntar a unha ou varias avaliacións.

Das 4.343 probas que se realizarán, a maioría son para obter certificados de profesionalidade de nivel 2, e só 429 corresponden ao nivel 3.

Estas probas foron convocadas en xaneiro, de modo que Galicia se converteu na primeira Comunidade autónoma en realizar este tipo de avaliación, que permitirá que non só accedan aos cursos os cidadáns en posesión de titulacións ou acreditacións oficiais, senón a calquera persoa que acredite que posúe os coñecementos e capacidades básicas.

Chámanse competencias clave aos contidos de formación básica que aseguran os coñecementos necesarios para cursar con aproveitamento a formación correspondente aos novos certificados de profesionalidade. Existen ata oito áreas de coñecemento diferentes: lingua galega, lingua castelá, linguas estranxeiras, matemáticas, ciencia, tecnoloxía, dixital, xeografía e historia.

De todas elas, e con diferenza, as avaliacións máis solicitadas foron as correspondentes ás de lingua castelá (961), lingua galega (941) e matemáticas (941). Isto débese, en grande medida, á gran demanda de certificación na ocupación de atención sociosanitaria a persoas no domicilio.

Completan a lista de especialidades as competencias en dixital (296), ciencia (281), tecnoloxía (290), xeografía (221), historia (200) e inglés (206).

As probas realizaranse os próximos venres 26 e 27 de febreiro –para poder optar aos certificados de nivel 2-, e o venres 5 e sábado 6 de marzo para as de nivel 3, nos centros propios da Consellería de Traballo e Benestar.

En concreto, e en función do domicilio do solicitante, un total de 377 persoas examinaranse no centro nacional de FP Ocupacional de Santiago; 297 no centro de FP ocupacional de Vigo; 290 no de Santa María de Europa de Ourense, e 53 persoas en Lugo.

As persoas interesadas en recibir máis información poden consultar a web http://traballoebenestar.xunta.es o ben dirixirse ao Instituto Galego de Cualificacións, aos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, as oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia ou aos centros propios do departamento autonómico.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación ten previsto desenvolver no verán unha segunda convocatoria para poder atender a toda a demanda.

Nova oferta de formación

A posta en marcha desta iniciativa responde á renovación que desde 2008 se vén realizando en toda a oferta de formación para o emprego, en base aos novos certificados de profesionalidade. Unha das principais novidades que introducen estes módulos formativos –asociados aos certificados- é a de esixir uns requisitos de acceso para os alumnos que aseguren que contan cunha formación mínima para seguir con aproveitamento a actividade.

Con este fin, puxéronse en marcha as “probas de avaliación en competencias clave”, que permitirán acceder a estes módulos formativos a aquelas persoas que non poidan acreditar posuír a formación básica necesaria.

 

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Consultoria Empresarial
pulse aquí para descargar PDF
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com