O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e o Instituto Español de Oceanografía veñen de colaborar nun proxecto que ten como obxectivo fortalecer a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) do IEO e potenciar as súas actividades mediante o deseño e desenvolvemento dun catálogo de capacidades e oferta tecnolóxicas. Para elo, o CETMAR encargouse do deseño dunha ferramenta informática orientada a facilitar unha mellor xestión e difusión da información sobre oferta científica e tecnolóxica dos centros oceanográficos, ferramenta que foi presentada hoxe nunha xornada na sede da fundación en Vigo.
Ademais de potenciar a visibilidade e as oportunidades de transferencia dos resultados de investigación e das capacidades do IEO, este proxecto, financiado polo Programa Nacional de Apoio á Competitividade Empresarial do Ministerio de Ciencia e Innovación, ten servido para reforzar a figura da OTRI do CETMAR como órgano de intermediación, así como para propiciar unha excelente oportunidade de cooperación entre ambas institucións.
A posta en marcha da devandita ferramenta persegue non só potenciar as prestacións dos centros oceanográficos do IEO e por en valor os coñecementos por eles xerados, senón tamén conseguir que esa información chegue ao tecido empresarial do ámbito marítimo-pesqueiro. Así, co novo catálogo que se ofrece como resultado facilitarase aos interesados un acceso preciso aos servicios ofertados, á infraestrutura dispoñible e ás persoas de contacto do IEO, propiciando o aproveitamento das sinerxías dos centros oceanográficos españois e a OTRI do Centro Tecnolóxico do Mar.
O fin último deste proxecto era dar un paso máis de cara a mellorar a competitividade dos sectores produtivos vinculados ao mar, en especial da pesca e da acuicultura, trasladando tanto a estes como á sociedade en xeral un mellor coñecemento do IEO e das súas capacidades, orientando ao mesmo tempo a actividade investigadora dos seus centros cara á consecución dun maior impacto na sociedade e na industria.