O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que no mes de xaneiro “as empresas xa aboaron o 99% do canon eólico á facenda pública galega”. “De 125 parques, 121 parques aboaron xa o canon eólico previsto na Lei”, engadiu Feijóo explicando que isto supón uns ingresos para a facenda autonómica de 22,3 millóns de euros. “Por primeira vez, os parques instalados en Galicia ata o de agora pagan o canon eólico, un canon –engadiu- ao que se incorporarán os parques que se instalen coa licitación de 2.300 megavatios que faremos neste primeiro semestre do ano 2010”.
“Estamos a cumprir o obxectivo da Lei aprobada no Parlamento de Galicia de que a enerxía instalada na comunidade como consecuencia da enerxía eólica redunde, directamente na facenda autonómica, e, indirectamente, nas facendas locais”, abondou Feijóo. “Creo que é un bo dato para a facenda autonómica e un bo dato para o deseño de toda a política eólica da Xunta”, agregou, subliñando que a Galicia conta así “cun recurso adicional de máis de 22 millóns de euros para investir e para mellorar a nosa calidade de vida”.
O Plan Enerxético de Galicia
Por outra banda, Núñez Feijóo destacou, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, a relevancia do Plan Estratéxico Enerxético de Galicia 2010-2015, que a Xunta porá en marcha cos obxectivos de reducir a dependencia enerxética da Comunidade Autónoma (actualmente do 70%), baixar os niveis de emisións de CO² e dinamizar a economía no sector. Este Plan é o núcleo central do programa de actuacións do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para este ano, durante o cal a Xunta prevé, ademais, reducir nun 20 por cento o seu propio gasto enerxético e colaborar cos sectores produtivos para incrementar a súa eficiencia enerxética.
Feijóo puxo o acento na importancia de ser máis competitivos nun sector “estratéxico” para Galicia, que xera o 3,4% do PIB e dá emprego a máis de 10.000 persoas de maneira directa, a 22.000 sumando os indirectos.
O xefe do Goberno galego remarcou a necesidade de “darlle un novo pulo ao INEGA”, desde o convencemento de que “debe recuperar o seu protagonismo e ten que ser o actor de maior dinamismo na enerxía de Galicia”. Para iso, engadiu, cómpre “superar a etapa de estancamento na que estaba o INEGA, onde practicamente o que facía era xestionar as subvencións que recibíamos do Estado neste eido”.
Como exemplo da aposta da Xunta, Feijóo anunciou o investimento de 90 millóns de euros en 2010 “para optimizar e conseguir maiores graos de eficiencia da enerxía en Galicia”. Este orzamento, explicou, destinarase a tres obxectivos: o primeiro deles é “dar exemplo e, a tal efecto, poñer en marcha un plan de acción de aforro da Administración autonómica para reducir nun 20% o consumo de enerxía da Xunta de Galicia”.
En segundo lugar, o presidente galego sinalou que a Xunta colaborará cos sectores produtivos para lograr unha maior eficiencia enerxética. Para isto, engadiu, o Executivo autonómico investirá 30 millóns de euros en distintos ‘plans renove’, como o de electrodomésticos, de climatización, de equipos de iluminación interior, de fiestras, etc. Como proba do éxito deste tipo de iniciativas, Feijóo sinalou que o plan renove de electrodomésticos do ano 2009 supuxo un investimento de 4 millóns de euros e permitiu a venda de 55.000 novos electrodomésticos subvencionados en Galicia, conseguindo, “non só mellorar o confort dos fogares, senón tamén reducir o impacto do consumo da enerxía”.
Na mesma liña, o xefe do Executivo galego avanzou que se porá á disposición das pequenas e medianas empresas un sistema de auditorías enerxéticas on line que resolverá as súas dúbidas sobre como aforrar enerxía no seu campo produtivo.
Incremento da potencia eólica e redución mínima do consumo enerxético do 1%
O terceiro obxectivo de traballo do INEGA para 2010 é, detallou o presidente da Xunta, a elaboración do Plan Estratéxico Enerxético para 2010-2015, que establece unha serie de metas concretas. Así, subliñou o obxectivo de chegar a 6.500 megavatios de enerxía eólica instalada, o que supón licitar “no primeiro semestre deste ano 2010” os 2.300 previstos pola Lei eólica aprobada no Parlamento.
Feijóo salientou que o Plan Enerxético 2010-2015 pretende conseguir tamén que o 75% da poboación teña acceso á rede de gas, e prevé incorporar unha normativa de certificación enerxética para os edificios de nova construción. “Se un edificio quere ter esta certificación de calidade enerxética o poderá facer sempre que se constrúa dentro dos parámetros que exixa a certificación”, subliñou.
Conforme explicou Feijóo, o obxectivo xeral da Xunta é “reducir o consumo enerxético dos galegos como mínimo nun 1%”, o que supón 30 millóns de aforro anual para as familias galegas. Xunto con isto, destacou un elenco de actuacións previstas como un proxecto piloto de coxeneración nun hospital público, un proxecto de calefacción de biomasa forestal, un proxecto de xeración dunha planta de biogás ou plans de aforro enerxético de plantas industriais.
Finalmente, o presidente da Xunta referiuse ao programa de enerxías renovables, que evitará a emisión de doce millóns de toneladas de CO² á atmosfera, permitindo así cumprir “cos obxectivos de redución do impacto ambiental como consecuencia do consumo de enerxías tradicionais”.
Adiantar o pagamento
Por outra banda, Núñez Feijóo salientou a autorización do acordo polo cal a Xunta adiantará aos concellos o pagamento dos servizos sociais concertados aos primeiros meses deste ano. O titular do Goberno galego explicou que o obxectivo é “axudar ás facendas locais fronte á crise económica”: “e para iso, por primeira vez, imos anticipar o 100% do Plan concertado ao primeiro cuadrimestre de 2010, cando, normalmente, o pagamento se realizaba no mes de novembro ”.
“Somos conscientes de que o denominado Plan concertado dos servizos municipais é un instrumento fundamental para que os cidadáns reciban unha mellor asistencia social”, destacou o presidente da Xunta, quen remarcou que 600.000 persoas se beneficiarán desta medida. “Somos conscientes da difícil situación financeira na que se atopan as facendas locais, e por iso imos tentar aliviar a presión que sofren os concellos”, subliñou Feijóo, quen explicou que os municipios galegos cobrarán nos primeiros meses de 2010 47,5 millóns de euros.
Neste sentido, o titular da Xunta destacou que, con esta medida, o Goberno galego, ademais de contribuír a aliviar as facendas locais, axilizará os servizos sociais e afondará “no consenso que xurde do Pacto Local”. “Agradezo que a FEGAMP valorase onte dunha forma moi expresiva esta medida, e agradezo o que está a facer a conselleira de Traballo e Benestar”, concluíu Feijóo.