A Xunta de Galicia cumprirá no ano 2009 o obxectivo previsto de estabilidade orzamentaria, segundo o Informe preliminar sobre o peche do exercicio presentado hoxe ao Consello pola titular de Facenda, Marta Fernández Currás, pese a que as desviacións detectadas en maio na estimación de ingresos e gastos se confirmaron a finais de ano.
As estimacións da Consellería de Facenda indican que no exercicio 2009 a comunidade cumprirá o obxectivo de estabilidade, que está marcado no 1% do PIB da autonomía, quedando por baixo da media estimada polo Estado para as comunidades, que é de 2,2% do PIB.
Con base nos datos provisionais, en 31 de decembro de 2009, a conselleira de Facenda puxo de manifesto que se cumprirá co obxectivo de estabilidade orzamentaria previsto para ese exercicio.
A execución dos ingresos e dos gastos orzamentarios axustouse ao previsto no orzamento inicial, grazas a que as deficiencias de estimación de ingresos e gastos detectadas ao inicio da lexislatura, que se confirman no peche, foron compensadas con recursos adicionais e cunha mellora na xestión dos fondos europeos na parte dos ingresos, así como polos aforros do Plan de Austeridade e da orde de peche pola dos gastos.
Así, pola parte dos ingresos, no peche do exercicio confirmáronse sobrevaloracións por importe de 609 millóns de euros. En concreto, 189 millóns afectaron os impostos indirectos, 28 de taxas e prezos públicos, 70 en desviacións dos ingresos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e 274 millóns de euros do anticipo do anterior
modelo de financiamento autonómico denegado por resolución do Estado de 3 de decembro de 2009.
Menor capacidade de endebedamento
A isto hai que engadir a menor capacidade de financiar gasto a través do endebedamento previsto no orzamento –por 48,1 millóns de euros-, xa que non se cumpriu a previsión de evolución do PIB por unha estimación inicial irreal. Así, as previsións que manexa Facenda sitúan o PIB nominal no peche de 2009 no -2,5%, 6,3 puntos menos do estimado polo Goberno bipartito; mentres que o PIB real acabará o ano cunha caída do 3%, cando os orzamentos elaborados polo anterior Executivo galego calculaban un avance do 1,3%.
Estas minoracións foron compensadas con políticas de aforro, con aumento de certificacións de fondos europeos e o Fondo de Cooperación Interterritorial e con recursos adicionais.
Pola parte dos gastos, o pasado mes de maio estimáronse unhas insuficiencias orzamentarias de 485 millóns de euros. Neste sentido, os aforros do Plan de Austeridade e da orde de peche compensaron estas necesidades detectadas, que se evidenciaron no peche do exercicio.
Así, ao remate do ano 2009 confirmáronse necesidades de financiamento de gastos de persoal (116 millóns de euros en persoal sanitario, 20 millóns de persoal de xustiza, 9,7 millóns de euros en educación e 10 millóns de persoal de dependencia), investimentos para o novo hospital de Lugo (22 millóns de euros), gastos de funcionamento (5,2 millóns de euros para comedores escolares e 60 para farmacia hospitalaria), e transferencias correntes (1,2 millóns de euros en peaxe en sombra, 2,8 millóns para xustiza gratuíta, e pagamentos de atrasos de prestacións económicas da Lei de Dependencia por importe de 77 millóns de euros).
Ademais, houbo unhas necesidades de gasto a maiores de 73 millóns de euros no apartado de receita farmacéutica do Sergas; malia estas desviacións, grazas ás políticas de racionalización do gasto implantadas neste organismo, aforráronse máis de 50 millóns de euros sobre as previsións de xuño. Ningún destes gastos tiña soporte financeiro, polo que tiveron que ser satisfeitos con aforros noutras partidas. A mellor xestión e control do gasto do actual Goberno evitou que houbese maiores desviacións.
As deficiencias constatadas nas partidas orzamentarias de gasto non impediron ao Goberno a adopción inmediata de medidas de recuperación económica xa que a reducción de gastos correntes e de investimentos non prioritarios levada a cabo no Plan de Austeridade xeraron aforros que permitiron financiar investimentos
productivos e gasto social xerador de emprego no marco do Plan de Dinamización contra a Crise.
Austeridade e loita contra a crise
En canto ao Plan de Austeridade, permitiu xerar aforros correntes por 144 millóns de euros, grazas á redución de gastos continxentes e á implantación de políticas de austeridade, salvagardando o gasto social e sanitario. Esta actuación resultou fundamental para que as carencias orzamentarias detectadas na parte do gasto corrente puidesen ser financiadas sen minorar os investimentos.
Respecto ao Plan de Dinamización fronte á Crise, aproveitou recursos por 125 millóns de euros –procedentes do Plan de Austeridade- para mobilizar 1.200 millóns de euros, e foi executado nun 90% co obxectivo de supor un impulso directo de cara á superación das dificultades económicas e a compensar dos seus efectos sobre as familias e as empresas. As actuacións principais foron o fomento do emprego, da produtividade e do tecido industrial, así como o apoio ás familias e á liquidez das empresas.
Pola súa banda, o Plan de Investimentos Financeiro, autorizado polo Ministerio de Economía e Facienda o ano pasado, foi executado de maneira íntegra e acadou case os 235 millóns de euros. A Xunta aproveitou o incremento autorizado polo Estado para realizar investimentos relacionados con infraestruturas e redes de transportes (por importe de 127,2 millóns de euros), de I+D+i e infraestrutura de acceso a TIC (por 47 millóns de euros), infraestruturas ambientais (por 55,7 millóns) e enerxéticas (por 4,8 millóns de euros).
Finalmente, a orde de peche, do 6 de novembro, estableceu as instrucións e os prazos de cerramento e contención de gasto de cara ao cumprimento do obxectivo de déficit, recollendo as excepcións previstas para a prestación de servizos básicos e o cumprimento do plan de investimentos produtivos e de medidas de dinamización contra a crise.