O director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto Juanas, reuniuse hoxe en Santiago co presidente executivo da Unión de Silvicultura do Sur de Europa (USSE), Inazio Martínez Arano, para abordar liñas de colaboración entre a Consellería e a entidade europea. Durante o encontro, Inazio Martínez Arao presentoulle ao director xeral o Informe de política forestal europea 2009 elaborado pola USSE e explicoulle as prioridades desta organización para o presente ano, nas que figuran a normativa para frear o comercio ilegal de madeira e a lexislación común europea en materia de bosques, así como a mobilización de madeira e compras públicas, entre outros temas.
Respecto das posibilidades de cooperación entre os dous organismos, abordouse a necesidade de coordinación nas feiras forestais do sur de Europa e de dinamización da biomasa nesta zona xeográfica. Tamén se analizou a relevancia de dispoñer dunha oficina permanente da USSE en Bruxelas e de promover o intercambio de información sobre temas estratéxicos forestais en Bruxelas. Outros dos temas da xuntanza foron o seminario sobre prevención de incendios, previsto para o mes de maio en Grecia e as actividades de investigación e proxectos que está a desenvolver na actualidade a USSE.
Tomás Fernández-Couto manifestou a vontade de colaboración da Consellería do Medio Rural coas entidades que traballan a prol do sector forestal galego e recoñeceu o labor da USSE para favorecer a unidade dos propietarios forestais. Para o director xeral, o intercambio de experiencias e de coñecementos entre estes propietarios é fundamental para dar resposta ás necesidades e problemáticas comúns e avanzar na xestión sustentable dos montes en beneficio de toda a comunidade.
Propietarios forestais
A Unión de Selvicultura do Sur de Europa naceu en 1989 como iniciativa de propietarios forestais privados de Galicia, Euskadi, Castela-León, Cataluña, en España, e Aquitania, en Francia. Na actualidade representa a máis de 2.500.000 propietarios forestais privados que xestionan o 10 por cento da superficie forestal de Europa.