A Consellería do Mar, no seu afán de dinamizar os Grupos de Acción Costeira (GAC), continúa na liña de formación e apoio a estas entidades, co fin de que impulsen proxectos que garantan a dinamización das zonas costeiras galegas. Así, a Dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro organizou hoxe a xornada “O desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do fondo europeo de pesca”, coa intención de continuar afondando cos participantes nas posibilidades que ofrece o eixo 4 do Fondo Europeo de Pesca, referente ao desenvolvemento sostible das zonas de pesca.
O encontro de hoxe serviu para proporcionar coñecementos aos xerentes dos 7 GACs sobre o Eixe-4 do FEP, cos seus antecedentes, finalidades e aquelas medidas suvencionables. Estes grupos foron creados, precisamente, para xestionar a liña de axudas procedentes do Eixe-4 e destinados á sustentación social, económica e ambiental das distintas zonas costeiras.
A xuntanza contou con membros da unidade de apoio FARNET, un organismo establecido pola Comisión Europea para asesorar na implementación das medidas europeas para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca. Eles, entre outros,foron os encargados de amosar ao persoal da Consellería do Mar novas posibilidades dentro do marco do eixo 4 a través de exemplos de boas prácticas nesta materia desenvolvidas noutros programas europeos.
Neste sentido, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, insistiu en que o seu departamento “prestará toda a axuda que sexa necesaria” aos sete Grupos de Acción Costeira e lembrou que Galicia é unha das comunidades de Europa que conta con máis presuposto para os proxectos.
Os participantes puideron comprobar a experiencia de Cataluña no desenvolvemento territorial, a primeira comunidade onde se aprobaron algúns proxectos. Susana Rodríguez amosouse orgullosa de que “Galicia estea á cabeza de Europa na constitución dos GAC, e no desenvolvemento do eixo 4” e incidiu en que Mar seguirá traballando “da man cos grupos e promovendo a colaboración entre todos os axentes implicados na dinamización do litoral galego”.
Na xornada tamén participaron expertos da Consellería de Medio Rural, que puxeron a experiencia da Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (AGADER) como exemplo de promoción do desenvolvemento rural en Galicia no marco dos fondos estruturais. Persoal da Consellería de Cultura e Turismo puxo fin ao evento, cunha intervención sobre a valorización turística nas zonas de pesca.
Neste ano 2010 arranca unha nova convocatoria, para a que xa se están a presentar proxectos de desenvolvemento local das zonas de pesca conforme aos plans Estratéxicos Zonais (PEZ) aprobados por cada un dos Grupos. Por iso, nos vindeiros meses, o equipo técnico da Consellería do Mar realizará visitas a cada un dos Grupos para solventar todos aqueles problemas propios do lanzamento dun programa europeo e prestará toda a axuda que sexa necesaria.