O Trofeo Inca tivo como gañador ao alemán Linus Gerdemann (Milram), que superou ao sprint aos seus compañeiros de escapada: Rafael Valls (Footon-Servetto), segundo; e Manuel Vázquez (Andalucía-Cajasur). Pero a terceira xornada da Chellenge de Mallorca pode definirse como a historia de tres campións, os citados anteriormente, e case un centenar de titáns: todos aqueles que chegaron a meta -contando entre eles aos corenta e cinco que o fixeron co control pechado- logo de superar o terreo, a choiva, o frío e o vento.
Ao Xacobeo Galicia, como á maior parte do pelotón, tocoulle intentar sobreporse ás inclemencias meteorolóxicas, á espera dunhas circunstancias máis favorables nas dúas xornadas que restan. A carreira saíu dun modo moi violento, con cento noventa e dous ciclistas decididos a buscar a fuga boa, en grupos de tres, de cinco, de sete, de once e ata de dezaoito corredores.
Neste último non entrara ningún ciclista do Xacobeo Galicia e, como a situación era perigosa, Álvaro Pino mandou aos seus corredores tirar por detrás durante uns cantos quilómetros ata conseguir a neutralización, en colaboración co Andalucía-Cajasur.
O ritmo de carreira non afrouxou en ningún momento, baixo unha choiva pertinaz e unhas temperaturas ao redor dos cinco graos, que acabarían aproximándose a cero na cima do Puig Major. Algún corredor alemán, que se supón habituado ao frío, intentaba neste porto parar aos coches de equipo para que o levasen a meta, incapaz de continuar.
Picadas e varias caídas. Nunha delas víronse envolvidos De Segovia e Gustavo Rodríguez por parte do Xacobeo Galicia. Avituallamento a fume de carozo, e sen tempo apenas para sacar torpemente das bolsas o alimento cos dedos insensibles polo frío, o pelotón comezou a subir o alto do Soller.
O gran grupo debullouse rapidamente desde as primeiras ramplas deste primeiro porto de segunda categoría. Pola cima pasaba un grupo de sesenta e dous ciclistas, con De Segovia, Gustavo Rodríguez e Serafín Martínez incrustados nel, en representación do equipo galego.
No seguinte e último, o Puig Maior, o grupo de cabeza reduciuse a trinta e dúas unidades, con De Segovia, por parte do Xacobeo Galicia. Pero a uns catro quilómetros da cima sufriu unha ‘pájara’ espectacular, que unida ao frío intenso, á choiva e ao vento de fronte, achegoulle a cara máis dura do ciclismo na súa segunda carreira como profesional. Aínda así lograría cruzar a meta.
Seguiu para diante tamén Serafín Martínez, que confesaba ao final non ter pasado nunca tanto frío encima da bicicleta. “Nin sequera naquela Clásica de Alcobendas que gañara Ezequiel”, lembrou. E tamén Gustavo Rodríguez, Delio Fernández, Gustavo Rodríguez, Isaychev e Castaño. Como eles, case un cento de corredores que, perdida a opción da vitoria, dedicaban todos os esforzos a manter o equilibrio sobre a bicicletas no asfalto mollado e serpenteante das ladeiras do Puig Major, a combater o frío e a intentar chegar.
Por diante, o valenciano Rafael Valls, que está sendo unha das revelacións neste comezo de tempada, arriscou no descenso do porto e foise só. A tres quilómetros de meta era alcanzado por Gerdemann e nos cincocentos metros finais por Vázquez. Os tres disputáronse a vitoria, que se decantou do lado alemán.
A cuarta etapa, o Trofeo Deiá, disputarase sobre un percorrido de 143 quilómetros e un perfil tamén esixente, con catro portos de segunda categoría.