O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, organiza un curso de servizos financeiros dirixido a persoal das oficinas das Asociacións de Consumidores e Usuarios, co obxectivo de implantar unha cultura financeira nos usuarios e formar a profesionais relacionados coa defensa dos dereitos e intereses dos consumidores galegos. A mellora da cultura financeira dos usuarios deste tipo de produtos é un obxectivo complexo no que deben implicarse todas as administracións e entidades intimamente relacionadas co tema, explicou hoxe a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, durante a apertura do curso.
Nava Castro resaltou a importancia da educación financeira, que lle permite aos individuos mellorar a comprensión de conceptos e produtos financeiros, tomar decisións axeitadas ás súas circunstancias e necesidades e evitar situacións indesexables derivadas, ben dun endebedamento excesivo ou de posicións de risco inadecuadas.
Neste sentido, explicou que dende o Goberno galego se está a traballar en campañas de sensibilización e de formación nesta materia. En concreto, Nava Castro anunciou que no vindeiro ano está previsto realizar unha programación específica sobre educación financeira dentro do plan anual da Escola Galega de Consumo, adscrita ao Instituto Galego de Consumo, así como convenios con asociacións de consumidores para asesorar e mediar nos posibles conflitos que poidan xurdir ao adquirir este tipo de produtos.
O curso “A protección do consumidor no ámbito financeiro e do investimento” ten unha duración 16 horas lectivas e conta coa participación de 20 profesionais das oficinas de atención das asociacións de consumidores. Os seus obxectivos están formulados dende o Plan Específico sobre Produtos e Servizos financeiros que inclúe, entre outras actuacións, a inclusión no plan anual de inspección de consumo dunha campaña autonómica sobre ofertas deste tipo de produtos e servizos, con especial atención a aspectos de seguridade e publicidade; a constitución dunha oficina de atención ao usuario galego de servizos financeiros, así como a creación do rexistro autonómico deste tipo de empresas.
Durante o desenvolvemento do curso tamén se tratará de dar a coñecer as novidades lexislativas que se teñen producido recentemente neste ámbito e mais ofrecer unha reflexión sobre a situación das persoas consumidoras perante a situación actual do mercado financeiro.