O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, César Losada, e o alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga achegáronse, esta mañá, a ollar o resultado das obras de urbanización que se levaron a cabo en Pena do Souto e Castrelo de Cima, no concello de Riós. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do departamento territorial, investiu nestas obras, que contaron cun prazo de execución de catorce meses, un total de 522.956,49 euros.
As actuacións leváronse a cabo en dous espazos:
En Pena de Souto, interviñeron no cruce de camiños na entrada do núcleo dende a OU-103, acondicionaron o pavimento creando sendas peonís e rodadas zonas de repouso e encontro e zonas de esparcemento ou de paso. Instalouse alumeado público con 3 luminarias sobre poste, elimináronse os postes eléctricos soterrando as instalacións de telefonía e electricidade. Ademais instalouse mobiliario urbano con papeleiras e bancos. Pena de Souto, que pertence a parroquia de O Navallo, atópase situado a uns 820 metros de altitude, o proceso de creación e crecemento do núcleo resposta ós asentamentos que se levaron a cabo en torno ós camiños e rutas de paseo que coa proximidade dos ríos facilitaron os seu desenvolvemento para a agricultura e a gandería. Na actualidade, é un núcleo moi despoboado, como moitos do medio rural galego. Con estas novas dotacións, asegurou, Rogelio Martínez, mellorarase a calidade de vida destes veciños e o núcleo farase máis atractivo. A zona conta cunha capela que tamén se recuperou, a labor foi difícil porque se restaurou coa pedra da que era orixinaria eliminando reposicións de bloque colocadas posteriormente e provocando feismo. A idea principal deste proxecto concreto, asegurou Rogelio Martínez, é “poñer en valor todo o espazo tendo en conta as necesidades que teñen nas zonas do rural e aumentando a calidade de vida dos veciños”.
En Castrelo de Cima, pechouse un amplo espazo para ocio, pavimentouse a praza e melloráronse as instalacións de telefonía electricidade e alumeado público, soterrando as liñas. Delimitáronse as zonas de circulación de circulación mixta, creouse unha praza con senda peonil, escaleiras que conectan coa igrexa parroquial, restaurouse un mirador ademais da reposición de mobiliario urbano con papeleiras, bancos e luminarias e a plantación de árbores. Esta parroquia ten unha superficie un pouco máis ampla que Pena de Souto, con maior número de veciños, pero tamén sofre os pormenores da despoboación malia que nas épocas estivais a poboación multiplícase. Neste caso a idea do proxecto é respostar ás necesidades da parroquia creando un amplo espazo para ocio e esparcemento de cara tamén ós visitantes e os que pasan as súas vacacións nesta zona.